Celebración do Día das Artes Galegas 2016 no Museo

Actualizado 30/03/2016 00:00

museo de pontevedra

Do 1 de abril ao 5 de xuño estará aberta ao público nas salas de exposicións temporais do Sexto a mostra Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920).

A inauguración coincide coa celebración do Día das Artes Galegas, iniciativa nacida na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrando o ano pasado ao Mestre Mateo, quen o 1 de abril de 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na catedral de Santiago.

Este ano a RAGBA decidiu dedicalo á figura de Castelao, para promover a difusión do rianxeiro como teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante ou pintor. Ademais xustifica esta decisión en base ao esforzo teórico e achegas creativas de Castelao para a dignificación de Galicia e as súas formas de expresión a través da súa obra.

Este venres a partir das 19 horas terá lugar no salón de actos un acto académico que abrirá coa intervención do presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo.

A continuación Mª Victoria Carballo-Calero Ramos fará unha intervención co título “Xénese e configurazón do Álbum Nós”.

Posteriormente está previsto que interveñan o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da Deputación, Carmela Silva Rego e pechará o acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

Logo do acto académico a Sociedade Coral Polifónica ofrecerá un breve concerto na zona de cristal da planta baixa do Sexto, na que interpretarán o seguinte programa:

Abreme a portiña (romance) ……………. AGUSTÍN BERTOMEU SALAZAR (1930)

Os anxeliños da Groria ……………………. ANTONIO IGLESIAS VILARELLE (1891-1971)

Non te namores, meniña …………………. ANTONIO IGLESIAS VILARELLE (1891-1971)

CASTELAO: Autocaricatura, Ca. 1910-1912. Biblioteca da Fundanción Penzol (Vigo)

Tras esta actuación, procederase á inauguración da exposición Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920). Na que se pasa revista á produción artística pictórica non destinada a ser complementaria doutros medios ou soportes, entre 1905 e 1920, é dicir, desde os inicios da súa actividade artística ata a realización do Álbum Nós que marca o inicio dos cambios de todo tipo que se produciron na obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A causa desta celebración as salas de exposición permanente tanto do Sexto coma do edificio Sarmiento pecharán as súas portas ás 18:45 h.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra