Presentación do libro de Marcus Daniel Cabada Desagravio de la derrota

Actualizado 08/04/2016 00:00

museo de pontevedra

O martes 12 de abril ás 20 h presentarase no salón de actos do Sexto Edificio a segunda publicación do novo escritor galego Marcus-Daniel Cabada. Trátase dunha colección de relatos que destaca pola expresión da derrota como elemento crucial na existencia.

A lectura dun conto de Borges na adolescencia supuxo no autor o espertar do interese pola literatura. Tras gañar certames tanto nacionais como internacionais, edita agora esta selección de relatos, Desagravio de la derrota, despois de publicar Triste escarlata.

Nos contos desta obra coexisten argumentos de distinta índole: un home que se namora dunha silueta cuxa procura posterior carrexaralle o infortunio, o faladoiro nunha mansión que se adapta ao desexo do inquilino, as últimas confabulacións dun soldado avistado polo inimigo, a intromisión no pensamento do perturbado asasino, a infamia sucedida nunha biblioteca, o desexo insidioso cara ás pantasmas, unha historia popular nunha aldea galega da preguerra, a estética que adquire un desaparecemento, a acérrima conveniencia de enfiar un asasinato ou un ensaio sobre que contar.

Desagravio de la derrota é tamén un libro sobre o azar, o amor, o recordo, o desexo, a nenez ou a soidade.

Marcus Daniel Cabada Candal, naceu en Pontevedra en 1995. Pola súa novela Triste escarlata recibiu o Premio Jóvenes Promesas de las letras 2013 e o Premio Internacional de Novela Experimental “Charlotte Sabine” 2014.

Ademais de ser novelista, contista e poeta, escribe artigos ou pequenos ensaios sobre literatura e arte no Diario de Pontevedra e, así mesmo, crónicas e monografías noutras publicacións. Actualmente estuda literatura española.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra