Ciclo de conferencias Castelao artista

Actualizado 11/04/2016 00:00

museo de pontevedra

O mércores 13, ás 20 h, no salón de actos do Sexto Edificio, terá lugar a primeira conferencia do ciclo complementario da exposición Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920), que será pronunciada por Susana Cendán e leva por título “Castelao: a construción dunha identidade icónica”.

A conferencia propón unha aproximación á figura de Castelao desde un punto de vista iconográfico, analizando a súa maneira de facerse visible publicamente nunha serie de autocaricaturas (moitas delas pertencentes á colección do Museo de Pontevedra) seleccionadas ao respecto, así como o significado que adquiren determinados símbolos que caracterizaron a súa imaxe.

O obxectivo é abrir novas vías de investigación sobre un personaxe poliédrico que non só construíu unha imaxe pública recoñecible e con capacidade para seducir, se non coa suficiente forza para sobrevivir ao paso do tempo e consolidarse coma un referente intelectual, cultural e ético ao que colectivos e pensamentos heteroxéneos acoden para lexitimar os seus intereses.

Susana Cendán é doutora en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou como coordinadora do Departamento de Educación no Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela), e desenvolveu unha variada actividade na crítica e o comisariado de exposicións. Na actualidade é profesora de Teoría e Historia da Arte na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

O ciclo contará tamén coa participación de Juan Monterroso e José Antonio Durán que impartirán as súas conferencias o 11 de maio e o 1 de xuño respectivamente.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra