Catro obras o Museo na exposición Campo cerrado, organizada polo Museo Reina Sofía.

Actualizado 27/04/2016 00:00

museo de pontevedra

O Museo cede tres “Debuxos de negros” de Castelao e un óleo de Maruja Mallo para a exposición que se celebra do 27 de abril ao 26 de setembro no MNCARS e que revisa a produción artística da posguerra española.

Ritmo afro-cubano, 1939

Campo cerrado. Arte y poder en la posguerra española. 1939-1953 é o título da exposición que entre 27 de abril e o 26 de setembro se exhibirá no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e que inclúe catro obras da colección do Museo de Pontevedra. Trátase de tres obras de Castelao da serie titulada "Debuxos de Negros" que Castelao pintara no ano 1939 con motivo da súa estadía en Cuba. Son os debuxos a tinta chinesa sobre papel, titulados El bongocero, Ritmo afro-cubano e El billetero.

A cuarta obra é o óleo Cabeza de muller negra, da pintora nacida en Viveiro Maruja Mallo. Esta obra, pintada en 1946 , foi adquirida polo Museo a comezos da década de 2000.

A mostra, comisariada por Mª Dolores Jiménez-Blanco, revisa a produción artística na posguerra española propoñendo un mapa con varios camiños posibles, que teñen en conta as cronoloxías pero non se someten á linearidade temporal. Pola contra, o relato articúlase en bloques temáticos relacionados con aspectos clave da época, que funcionan como capítulos autónomos, aínda que entre eles existan conexións e encadeamentos. Estes epígrafes son: Unha nova era; Retornos e academias; Campo e cidade; A irrupción do irracional. O postismo; Intervalo teatral; Exilios (na que están incluídas as obras cedidas polo Museo); Arquitecturas; Primitivo, máxico, escuro e Apropiación oficial do moderno.

Pode visitarse no terceiro andar do Edificio Sabatini do MNCARS.

Do 27 de abril ao 26 de setembro de 2016

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra