Foro de Arte, Cultura e Educación

Actualizado 04/05/2016 00:00

museo de pontevedra

Os días 6 e 7 de maio, no salón de actos do Sexto, celébranse unas xornadas que queren ser un encontro co fin de crear un espazo de reflexión conxunta entre os colectivos culturais e educativos e para o debate sobre a necesidade de complementar arte e educación en todos os niveis; tamén sobre a importancia de xerar “territorios” comúns.

Baixo o título Foro de Arte, Cultura e Educación. Unha oportunidade de converxencia máis alá da escola, terán lugar estas xornadas, que coordina Taller aberto, dirixidas á comunidade educativa e a todas as persoas e colectivos culturais interesados na mellora da educación artística en diversos contextos. Trátase dun encontro para crear un espazo de reflexión conxunta e un intercambio de experiencias entre administracións escolares, institucións artísticas, mestres e profesores, alumnos e familias.

Así como a educación vai alén do sistema escolar, a arte non se circunscribe aos ámbitos de produción e reflexión artística como os museos e departamentos de acción cultural. Con este programa de conferencias e debates exponse unha reflexión sobre a situación actual e unha anticipación ante retos futuros.

As xornadas divídense en tres bloques que constitúen as esferas de produción cultural por parte das institucións educativas, artísticas e non formais: a escola, o museo e a rúa.

O foro celebrarase o venres 6 de 16 a 20 h e o sábado 7 de 10 a 14 h e de 16 a 20h, no salón de actos do Sexto.

Os relatores son:

  • Ascensión Moreno. Licenciada en Pedagoxía e Belas Artes, doutora en Belas Artes, educadora social, arteterapeuta e mediadora artística.
  • Alfredo Palacios. Doutor en Belas Artes e profesor titular de educación artística no CUCC.
  • José Rivela. Profesor da ESO do IES Celanova, Ourense.
  • Begoña Paz. Doutora e profesora na Facultade de Belas Artes, Pontevedra.
  • Encarna Lago. Xerente na Rede Museística de Lugo.
  • Rodrigo Díaz. Membro do equipo educativo do Museo de Arte Abstracto Español.
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra