Día das Letras Galegas no Museo

Actualizado 13/05/2016 01:00

museo de pontevedra

Para celebrar o Día das Letras Galegas chéganos, Polo Correo do Vento, o conto ilustrado e musicado, O poeta do Miño. Unha homenaxe a Manuel María (editado por Edicións do Cumio en 2015). Será o martes 17 no Sexto ás 12 h.

A actividade consistirá na narración dunha historia que se irá entrelazando cos datos biográficos do autor homenaxeado, ao tempo que os debuxos en vivo lle irán dando forma aos personaxes e aos sons musicais do cello farán voar a imaxinación dos cativos.

Rematado o conto darase paso a unha “rolda de prensa” na que a xente miúda interaccionará, guiada polo narrador, coa historia e coas imaxes. Por último realizarase un obradoiro de debuxo onde, coa axuda do ilustrador, farán a caricatura do poeta.

Polo Correo do Vento é un colectivo especializado en actividades para nenos e nenas cuxo fin é promover a lectura, a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade.

Esta é unha actividade de balde que non precisa inscrición.

O destinatario é o público infantil que pode vir acompañado por xente adulta e a duración será de aproximadamente unha hora.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra