Día Internacional dos Museos 2016

Actualizado 13/05/2016 02:00

museo de pontevedra

Un ano máis o Museo súmase á celebración do Día Internacional dos Museos, que este ano ten por lema Museos e paisaxes culturais, coas seguintes actividades durante a semana:

Da Cidade ao Museo

Esta actividade quer dar relevancia á estreita relación entre o patrimonio artístico da vila e os fondos do Museo.

A misión principal dos museos é velar polo patrimonio, tanto do propio como do que está fóra dos seus muros despregando as súas propias actividades no campo do patrimonio cultural e da paisaxe da que forma parte, asumindo distintos niveis de responsabilidade como centro activo na protección do mesmo.

Nas orixes do Museo de Pontevedra é moi evidente este compromiso, pois desde os seus inicios tomou o relevo da Sociedad Arqueológica na conservación, recuperación, estudo e difusión de elementos significativos da historia e da cultura da vila en distintos eidos.

Da cidade ao Museo consistirá nun paseo guiado por diferentes espazos públicos da vila nos que se atopan obras de arte significativas que conectan directa ou indirectamente coa colección do museo, na que se rematará precisamente establecendo e completando estes paralelos. Deste xeito, a través do persoal didáctico, quérese Concienciar da importancia do patrimonio cultural e ambiental da vila de Pontevedra e do papel que o Museo tivo e segue a ter na súa conservación, investigación e difusión.

O percorrido dividirase en dous bloques. O primeiro será un paseo pola cidade visitando unha serie de monumentos e representacións artísticas. No segundo bloque farase unha visita polo Sexto Edificio do Museo relacionando o xa visto na rúa coa exposición permanente do Museo. Algo que o público irá descubrindo pouco a pouco ó longo do camiño.

A actividade está concibida para todos os públicos, aínda que dado o contido e a súa duración, é máis adecuada para público adulto.

Programada para os días: 18, 19 e 20 de maio.

De 18:00 h a 20:00 h aprox.

Cada visita terá un límite de 25 prazas.

Será necesaria a inscrición previa dos participantes a través do Gabinete Didáctico en horario de luns a venres de 8:00 a 14:30

Mail: gabinetedidactico.museo@depo.es

Teléfono : 986 408 100 extensión 42413

Persoalmente no Punto de Información do Sexto Edificio.

Noite dos Museos

Este ano a tradicional Noite dos Museos, na que abriremos ao público ata as 12 na noite, celebrarase o sábado 21 de maio. Estará dedicada a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Contaremos unha vez máis coa participación da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia que presenta unha aposta nova e inédita inspirada nos dez cadros que Castelao escribe no Diario de 1921, resultado da súa viaxe durante cinco meses por diferentes cidades de Francia, Bélxica e Alemaña.

Durante a súa estadía en París, Castelao frecuentou os teatros da capital francesa e asistiu ás representacións do Theatre de Chauve-Sourris ou Teatro do Morcego, que definiu como “novo e orixinal”.

Trátase dun teatro cómico de vocación popular no que se estilizaba e mesturaba “parola, música, mímica, pintura e danza”.

Así, o rianxeiro imaxinou os dez cadros cos que agora, un século máis tarde do seu deseño primixenio,o alumnado de Dirección, Dramaturxia, Escenografía e Interpretación de primeiro curso, tentan insuflarlle a sensibilidade artística contemporánea atopando un equilibrio co sentir do autor e as nosas raíces culturais.

Partindo da aprendizaxe do mestre Castelao, presentan un espectáculo cheo de imaxes, fragmentos, sentimentos plasmados e sensacións, isto é, de pura poética visual.

Data: 21 de maio

Hora: Dous pases ás 19:30 h e ás 22 h

Duración: 75 minutos

Destinado a todos os públicos. A participación é libre e non precisa inscrición previa.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra