Exposición Blas de Lezo. El valor de mediohombre

Actualizado 20/05/2016 00:00

museo de pontevedra

Con motivo da conmemoración do Día das Forzas Armadas, a Escola Naval Militar programou, no Sexto Edificio unha exposición itinerante sobre a historia do mariño Blas de Lezo, titulada Blas de Lezo. El valor de mediohombre, que poderá visitarse do 24 de maio ao 5 de xuño.

Ademais o capitán de navío na reserva Luis Mollá Ayuso impartirá a conferencia “Anka Motz, o Almirante da pata de pau” ás 20.00 horas do día 24 maio.

A mostra recupera a memoria do Almirante Blas de Lezo, coñecido por encabezar en 1741 a defensa de Cartaxena de Indias con só seis navíos de guerra fronte á flota inglesa do almirante Vernon, oito veces superior. O control da praza colombiana, considerada estratexicamente como a “chave de Indias” foi clave para manter o dominio español en América.

Coxo, chosco e manco desde os 25 anos polas feridas recibidas en combate —o que lle valeu o alcume de Mediohome—, Blas de Lezo é un dos mariños máis importantes da historia naval española. Invicto en toda a súa carreira militar, morreu pouco despois da defensa de Cartaxena sen o recoñecemento merecido, deostado polo rei Felipe V e foi enterrado nunha tumba de emprazamento descoñecido. A Armada honra a súa memoria co nome dun buque, na actualidade, a fragata F-103.

Estruturada en sete módulos, a exposición introdúcese na figura deste mariño natural de Pasaxes de San Pedro (Guipúscoa), mostrando o contexto da súa época, as batallas nas que tomou parte no Mediterráneo, no Pacífico e en Cartaxena de Indias, así como a lenda e recordo que permaneceu ata os nosos días.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra