Charla-coloquio sobre o proxecto Telearqueoloxía

Actualizado 25/05/2016 00:00

museo de pontevedra

O 25 de maio ás 18:00 h comeza unha charla-coloquio para dar a coñecer o proxecto Telearqueoloxía, cuxo obxectivo principal consiste na realización dun conxunto de traballos de investigación en formato audiovisual sobre o patrimonio arqueolóxico da provincia donde a participación estará aberta á cidadanía. Será no Sexto Edificio e estará aberta a todas as persoas interesadas.

O programa do acto é o seguinte:

Comezará cun acto de presentación levado a cabo polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o director do Museo, Xosé Carlos Valle, e a coordinadora do proxecto, Saleta González.

A continuación Antonio de la Peña, arqueólogo do Museo, falará da “Investigación arqueolóxica no Museo de Pontevedra”; Iván Rodríguez Arós, da Universidade de Vigo, farao sobre “Novas ferramentas para a divulgación científica” e o antropólogo e investigador Buenaventura Aparicio disertará sobre “A relación entre a antropoloxía e a arqueoloxía” tras o cal se abrirá un coloquio.

Telearqueoloxía será un proxecto aberto á participación da cidadanía, ben a través de colectivos, universidades ou concellos, ben a través de persoas físicas relacionadas con este ámbito, como poden ser docentes ou investigadores.

Establécense tres fases: a primeira delas, denominada Arqueo-rede, vai encamiñada a crear grupos de traballo. No Grupo Menhir incluiranse as persoas físicas: investigadores, docentes e profesionais do ámbito da historia, da arqueoloxía, das ciencias sociais e da comunicación; e no grupo Dolmen integraranse os concellos, universidades, museos, centros de estudos arqueolóxicos, e asociacións culturais, ambientais e veciñais.

Unha segunda fase, a celebrar ata o mes de outubro, contempla a realización de obradoiros formativos, tanto de investigación arqueolóxica como de vídeo-investigación. Impartirase formación sobre como realizar unha investigación, a través de casos prácticos de investigacións arqueolóxicas, e ensinarase a crear e editar as investigacións e formato dixital. Estes obradoiros desenvolveranse nas sedes do Grupo Dolmen e permitirán a participación de público tanto maior como menor de idade. No caso de persoas menores de idade os obradoiros serán canalizados a través de institutos e centros de formación.

Finalmente, entre os días 14 e 16 de decembro, celebrarase o festival audiovisual de curtametraxes de temática arqueolóxica, con dúas categorías. A Categoría "Lascas" para curtametraxes dun máximo de 5 minutos realizadas por menores de 18 anos; e a Categoría "Bifaces" para curtametraxes dun máximo de 15 minutos realizadas por maiores de idade. Poderase participar de xeito individual ou colectivo a través de centros de ensino, agrupacións culturais, asociacións e universidades. Estableceranse tres premios en cada categoría.

Máis información en www.museo.depo.es/telearqueoloxia

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra