Ciclo de conferencias Castelao artista

Actualizado 30/05/2016 00:00

museo de pontevedra

O mércores 1, ás 20 h, no salón de actos do Sexto Edificio, terá lugar a terceira e última conferencia do ciclo complementario da exposición Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920), que será pronunciada por José Antonio Durán e leva por título “O Castelao exterior (América. Madrid. Europa)”.

O conferenciante tratará de resaltar o máis descoñecido de Castelao: o peso dos seus moitos anos de estancia americana (un de cada catro anos da súa vida consciente pasounos en América); os dez –con intermitencias- que estivo en Madrid; e as súas viaxes, en 1921 e 1929, por Europa; analizando as consecuencias biográficas e formativas que tiveron para o rianxeiro.

A experiencia americana converteuno nun expoñente da cultura latino-americana dunha época na que as idas e as vidas de América, eran constantes.

Fará fincapé tamén no rigor formativo dun debuxante-humorista excepcional que apenas tivo mestres en ningún deses aspectos. Gozou de enorme popularidade polos seus deseños periodísticos, pero accedeu aos xornais tarde e con gran dificultade. A primeira serie continuada e coherente da súa produción en prensa publicouse en Bos Aires (1914-1915). A segunda, cando chama a atención da intelectualidade española, publicouna en El Sol, o gran diario madrileño, entre 1918 e 1922.

Durán promete dúas primicias informativas de alcance servidas a través de catro pontevedreses que tiveron enorme peso na súa traxectoria biográfica, tanto en América, como en Madrid e nos dous periplos europeos. Dos catro, dous tiveron unha vida efémera: Javier Valcarce García e Prudencio Canitrot Mariño; os outros dous son Joaquín Pesqueira Quiroga e Francisco Javier Sánchez Cantón.

O obxectivo desta liña argumental é que se entenda por que –desde moito antes do que se pensa (cando era neno, e aínda non coñecía ao seu pai)- Castelao tivo amiguiños pontevedreses de posterior renome e –a través deles- unha potente relación con Pontevedra, a súa vila de residencia na súa mellor época creativa (1916-1931).

José Antonio Durán é historiador, escritor, conferenciante, comisario de exposicións e editor. Espelizouse na análise de movementos sociais contemporáneos e en figuras diversas como Castelao, Casares Quiroga, Portela Valladares, Tafall, Murguía, Manuel Antonio ou Alfredo Vicenti, entre outros.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra