O Museo celebra o Día Internacional dos Arquivos

Actualizado 06/06/2016 00:00

museo de pontevedra

O xoves, 9 de xuño, o Museo súmase aos actos conmemorativos do Día Internacional dos Arquivos que se celebran en todo o mundo por distintas institucións e organizacións profesionais para conmemorar a fundación do Consello Internacional de Arquivos (CIA), creado en 1948 na cidade de París, como órgano asesor da UNESCO.

O obxectivo é promover e difundir entre o público a necesidade de conservar a documentación de arquivo –tanto do sector público coma do privado- e do seu dereito de acceder a eles.

O modo de celebralo será cunha xornada de portas abertas na que se dará a oportunidade, en dúas quendas, de facer unha visita guiada aos fondos documentais que se custodian no Museo. Mª Jesús Fortes, responsable do arquivo, recibirá a cada grupo no edificio Fernández López, situado na rúa Pasantería nº 2, e dará unha charla acerca da orixe, desenvolvemento, contido, funcións e servizos que o Museo ofrece a todas aquelas persoas interesadas en utilizar a documentación que custodia para as súas investigacións sobre, historia, arte, música, literatura, antropoloxía, etc…

Os e as participantes nesta actividade poderán ver de cerca unha selección de documentos con características singulares por motivos diferentes cada un deles. Posteriormente visitarán a sala de reserva onde se garda o fondo documental que habitualmente é de acceso restrinxido.

Realizarase unha visita pola mañá, ás 11:30 h, e outra pola tarde, ás 19 h. A inscrición é de balde e pode realizarse a través do correo electrónico secretaria.museo@depo.es ou telefonicamente no número 986 804 100, extensión 42436.

O número máximo de participantes é de 15 por quenda e a reserva farase por orde de inscrición

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra