Concerto de Reynier Aldana

Actualizado 14/06/2016 00:00

museo de pontevedra

O Sexto Edificio volverá ser escenario musical o sábado 18 de xuño, ás 19 h, da man do músico Reynier Aldana que presentará o seu disco Pegada. A entrada ao concerto é libre ata completar o aforo.

Nacido na Habana en 1982, comeza polos camiños da música cubana como percusionista aos 14 anos. Máis adiante interésase pola guitarra a través do seu irmán maior. Aos 17 anos empeza a tocar o baixo nunha banda formada por un grupo de amigos. Funda en 2003 a banda MATE (como baixista), presentándose en diferentes festivais e locais ao longo de toda Cuba. Colabora tamén co músico rapeiro Kumar. Ao mesmo tempo acompaña a destacados cantautores como, Erick Méndez, Frank Delgado, Ray Fernández, Pedro Beritán, Mauricio Figueiral, Adrián Berazaín, entre outros. Colabora no disco Paciencia de Ray Fernández e La voz del Diablo Ilustrado entre outros.

Na súa música atópanse ritmos africanos, pop rock, funk, bolero e ás veces con sonoridades electrónicas, todo isto aderezado con conceptos da música cubana. Chega a Galicia buscando novas linguaxes dentro da música e chega a crear unha banda. Colaborou en diversos proxectos xunto a Alejandro Vargas e músicos da escena galega como L.A.R Legido, Chuz Pasos, Max Gómez e Gustavo Almeida. Actualmente presenta o seu novo disco Huella.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra