Os Bolechas coñecen a Castelao no Museo

Actualizado 15/06/2016 00:00

museo de pontevedra

O Sexto Edificio acollerá o vindeiro sábado 18 a festa presentación da guía Os Bolechas coñecen a Castelao no Museo de Pontevedra. A participación na presentación será gratuíta ata completar aforo e contará coa presenza dos propios irmáns 'Bolechas', que guiarán aos máis cativos e cativas nun percorrido polo Museo.

Os Bolechas, a familia da serie infantil máis popular da ficción galega, desembarcarán o vindeiro sábado no Museo para dar a coñecer a figura e a traxectoria de Castelao entre o público familiar. O motivo da visita ao Museo é a presentación pública da guía Os Bolechas coñecen a Castelao no Museo de Pontevedra, editada en colaboración coa Deputación e o propio Museo con motivo das efemérides que este ano se celebran en relación co autor rianxeiro.

A presentación está prevista para as 12 horas no salón de actos do Sexto Edificio e a asistencia será gratuíta ata completar o aforo do mesmo. Comezará coa presentación do libro, a cargo dos propios irmáns Bolechas, e continuará cun percorrido polos edificios Sarmiento e Sexto, para rematar cunha festa no espazo exterior. Para isto, diante da entrada principal aparcará o “coche dos Bolechas” que porá a banda sonora co seu disco, habilitarase un espazo para pintar e debuxar láminas relacionadas co autor rianxeiro, realizarase un obradoiro de maquillaxe, para que os e as participantes se poidan caracterizar coma pequenos Castelaos, e tamén se disporán xogos populares e un taller de chapas relacionado coa figura do artista.

Os bolechas coñecen a Castelao no Museo de Pontevedra nace coa intención de achegar a figura de Castelao, así coma a súa extensa traxectoria, ás xeracións actuais dun xeito lúdico e adaptado ás idades máis temperás. Na guía, os irmáns Bolechas coñecen da man do avó Emiliano a biografía do artista de Rianxo a partires dun paseo que están dando pola cidade de Pontevedra e que toma como eixo central o propio Museo. Deste xeito, actualízase unha figura intelectual e toda a súa significación histórica e sálvase a distancia temporal de 100 anos entre a chegada de Castelao á cidade e a actualidade.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra