Iso segue o seu curso. Polas escaleiras do Museo

Actualizado 07/07/2016 00:00

museo de pontevedra

Do 8 de xullo ao 11 de setembro permanecerá aberta ao público no Sexto Edificio a mostra Iso segue o seu curso. Polas escaleiras do Museo, na que se amosan obras do alumnado do Máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación organizado pola Facultade de Belas Artes. A inauguración será o 8 de xullo ás 20 h.

Neste proxecto expositivo, comisariado polos profesores Xosé M. Buxán Bran e Mar Caldas, veñen colaborando a Facultade de Belas Artes de Pontevedra e o Museo de Pontevedra desde que a facultade puxo en marcha o Máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, unha colaboración anual que coincide sempre coa programación estival do Museo e na que se exhiben anualmente as obras do alumnado que vén de concluír dito Máster.

Desta volta as e os 21 estudantes desta promoción ocupan de xeito orixinal e, por certo, inédito até o de agora, nesa colaboración entre o Máster e o Museo, as escaleiras do Sexto Edificio. Daquela, as obras atópanse, non nas salas de exposicións coma outras veces, senón nos relanzos das escaleiras, baixo elas ou penduradas dos teitos da caixa de escaleiras, tamén ao carón das portas dos ascensores, ou nos lugares de paso e tránsito que comunican as diferentes plantas. Unha arte axexante pois agóchase e atópase entre nas entreteas do Museo.

Trátase sen dúbida dunha mostra singular e distinta na que as obras se achegan as persoas que visitan o museo sen que elas vaian na súa procura, porque abonda con que o público entre no museo e que, sen entrar nas salas expositivas, percorra ceibe e curioso os lugares de acceso para que, daquela, se atopen de repente cos diferentes traballos do alumnado.

Obras videográficas, fotográficas, instalacións, debuxos, etc… nas que esta nova xeración de artistas novos que veñen de rematar os seus estudos de Máster na Facultade de Belas Artes teñen o luxo e o compromiso de enfrontarse co público nos espazos do Museo de Pontevedra e onde os estudantes amosan plasticamente todo tipo de temáticas, intereses, inquedanzas, dúbidas e interrogantes.

Os artistas participantes son:

  • JULIO ÁLVAREZ
  • SABELA ANDRÉS
  • DEEBO BARREIRO
  • LARA BUYO E ANA CORUJO
  • FABIANA CORRÊA
  • MARTA CORTIZAS
  • NANA DOVALO
  • VINICIO ECHEVERRÍA
  • HELENA FERNÁNDEZ-NÓVOA
  • IRIA FERVENZA
  • REBECA LAR
  • NEREA LORES ACUÑA
  • PABLO LOUREIRO
  • GABRIELA LUSQUIÑOS
  • ONUR MANSIZ
  • MERY PAIS
  • SALETA PÁRAMO
  • ANDRÉS R. PAREDES
  • MAR RAMÓN
  • SOLEDAD REBOLLO PIÑEIRO
  • ANDREA TORRES

Sexto Edificio. Do 8 de xullo ao 11 de setembro de 2016

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra