O encargo do señor Castelao

Actualizado 13/07/2016 00:00

museo de pontevedra

O salón de actos do Sexto acollerá o xoves 14 de xullo, ás 20 h, a presentación, organizada polo Ateneo, da novela de Luís Rei Núñez O encargo do señor Castelao editada por Xerais. No acto, presidido polo presidente o Ateneo, Xaime Toxo, ademáis do autor, Luís Rei, participarán Ana Acuña, doutora en Filoloxía; Xosé Enrique Acuña, xornalista e escritor e Manuel Bragado, director de Edicións Xerais.

Castelao foi feliz en Pontevedra, á que chegou en 1916, cando era fundamentalmente artista. Dúas décadas despois, sendo xa sobre todo político e dirixindo a loita do galeguismo, o estoupido da guerra no verán de 1936 afástao de alí para sempre. Debe deixar atrás, canda recordos imborrables, o fillo que tivera que enterrar e o compañeiro Bóveda, fusilado ao pé dun piñeiro polos sublevados. A vida arrástrao daquela por metrópoles coma Nova York, Bos Aires, París e, de novo, Bos Aires. Son tempos que inclúen o seu paso por un ministerio sen carteira do Goberno da República no exilio e mais o reencontro casual con José Gómez Gayoso, o militante comunista ao que poderá recorrer cando a dor do fracaso o leve a facer un encargo que o desacouga: por que non vingar o martirio do seu mellor amigo da Pontevedra onde creron que os soños ían ser posibles? Do peso na alma dos homes da historia colectiva e das incertezas morais dunha petición difícil nace a historia con que Rei Núñez regresa á novela de non ficción.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra