Segundo concerto do ciclo Sons no Ar-co

Actualizado 27/07/2016 00:00

museo de pontevedra

De novo este venres, 29 de xullo, ás 22:30 h, soará a música na praza da Leña, á beira do arco da ponte que une os edificios Castro Monteagudo e García Flórez, rematando a IX edición do ciclo de música organizado polo Museo, Sons no Ar-Co cun concerto a cargo de Abmiram Quartet.


Abmiram Quartet é un grupo formado en 2015 por catro novos percusionistas vigueses, creado expresamente para participar no concurso televisivo Got Talent. O seu obxectivo é achegar a música clásica ao gran público, facéndoa amena sen deixar de lado a calidade; para iso empregan un instrumento pouco habitual no repertorio, a marimba, instrumento melódico de percusión. Os intérpretes engaden á execución virtuosística das pezas algúns gags humorísticos, dramatización e, dentro do que a execución instrumental lles permite, baile.

As súas ideas e musicalidade leváronos ás semifinais de Got Talent España, onde na primeira fase xa impresionaron coa súa aposta, conseguindo eloxios por parte do xurado. A cómica posta en escena contrastou coa execución, onde se puido apreciar a súa extensa formación académica, convertendo en fácil o extremo.

Abmiram Quartet está integrado por Pablo Branco, Jose Luís Rodríguez, André Pérez e Álvaro Xurado ligados, en maior ou menor medida, a bandas de música e orquestras sinfónicas galegas, así como aos conservatorios profesional e superior de Vigo, onde desenvolveron (ou desenvolven) os seus estudos académicos. Todos eles posúen experiencia no mundo da percusión clásica, colaborando asiduamente con orquestras sinfónicas, tanto nacionais como internacionais.

Interpretarán un espectáculo músico-teatral co título "Da Capo" no que se combina música en directo, teatro e audiovisual.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra