Exposición Novos Valores 2016. Obra seleccionada

Actualizado 12/08/2016 12:47

museo de pontevedra

Ademais das catro obras premiadas coa bolsa para estudos artísticos, na exposición Novos Valores 2016. Obra seleccionada, que se exhibe nas salas de exposicións temporais da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de conservación e Restauración de Bens Culturais desde o 4 de agosto ata o 11 de setembro, tamén se poderán ver as 32 obras seleccionadas polo xurado do certame: 13 obras de pintura, 7 de fotografía, 6 debuxos, 5 esculturas, 3 vídeos e 2 gravados.

A obra de Olmo Cuña (Vigo) Die sonne auf der Pfaueninsel recolle os xestos gravados na primavera de 2012 na illa berlinesa de Pfaueninsel (coñecida como dos pavos reais). Eses xestos, segundo di o autor, son reaccións á arquitectura da illa, con castelos e pontes de estilo neogótico; á fantasía que se crea nos espazos naturais; e tamén aos primeiros raios de sol.


Lentes é a obra escultórica seleccionada polo xurado e realizada por Basilisa Fiestras (Pontevedra). A explicación que fai a autora da peza, que representa dúas mans feitas en xeso cos dedos representando unhas gafas fai referencia ao que está “tras o rostro, ao ocultamento e o anonimato. Baixo esta máscara outra máscara. Dous furados para ver o mundo”.


El boceto ampliado, de María Maquieira (A Coruña), é un reflexo do traballo da autora sobre a figura humana ao acudir a debuxar ao laboratorio de anatomía da Facultade de Fisioterapia e Terapia Ocupacional da Coruña. A súa obra consta de dúas partes: na ‘páxina’ dereita presenta algúns dos pequenos e rápidos estudos realizados, e na ‘páxina’ esquerda dá un paso máis alá, elixindo un deses debuxos, completándoo e ampliándoo máis alá da escala real con bolígrafo negro –ferramenta que case sempre escolle para traballar- sobre un papel limpo branco.

A obra de Diego Vites (O Grove) Historiografía Tigua, segundo as súas propias verbas, trátase dunha pintura ‘tigua’ (pinturas ornamentais tradicionais feitas por mans de artistas indíxenas dos Andes ecuatorianos) na que se integrou unha figura allea á cosmovisión andina: un home-xesta. Este traballo é unha continuación da performance que no seu día fixera o autor na Cidade da Cultura de Santiago para acadar visibilidade no ámbito galego da arte contemporánea.


Ver obra seleccionada


Horario de apertura da exposición

De martes a sábados de 11h a 14h e de 18h a 21h

Domingos de 11h a 14h

Luns pechado

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra