Exposición Saúde e Terra irmá(n)s!

Actualizado 15/09/2016 00:00

museo de pontevedra

A segunda planta do edificio Sarmiento acolle a mostra itinerante Saúde e Terra irmá(n)s!, que conmemora o centenario da creación das Irmandades da Fala. Permanecerá aberta ata o 2 de outubro.


O percorrido expositivo relata a historia deste movemento cultural e político que transformou a historia de Galicia a través de dez temas que profundan na súa cerna. Saúde e Terra, irmá(n)s! dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola "igualdade absoluta, política e civil da muller e do home".

Ademais das fotografías e documentos reproducidos, a exposición xunta unhas 130 pezas, documentos orixinais e primeiras edicións prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares. Entre as pezas integradas nas cabinas, figuran obxectos persoais de Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Álvaro Cebreiro e Valentín Paz Andrade, entre outros; os carnés das Irmandades da Fala de Ramón Villar Ponte e Antonia Pardo; o manuscrito autógrafo de Arredor de si, de Otero Pedrayo, outro texto manuscrito do programa da I Asemblea Nacionalista ou a carta-nota ao gobernador civil que anuncia que a Irmandade da Fala se converterá no Partido Galeguista.

O estandarte de Queixumes dos Pinos da Coral Polifónica Follas Novas (1922), e obras de arte como os óleos Soidade, de María Corredoira, Valle Esmeralda (1912), de Francisco Lloréns e Nube da tarde, de Imeldo Corral; e a talla Galicia, Nai e Señora, de Uxío Souto (1926), tamén forman parte da exposición.

O proxecto expositivo, organizado pola Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego, conta co apoio de catorce entidades colaboradoras: a Real Academia Galega de Belas Artes; as fundacións Penzol, Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao, Alexandre Bóveda, Isla Couto, Antonio Fraguas, Galiza Sempre e Moncho Reboiras; o Museo de Pontevedra, o Departamento de Galego-Portugués da UDC e Galiza Cultura. Alén diso, a exposición é posible tamén grazas aos préstamos e colaboración doutras institucións.

VISITAS GUIADAS POLO GABINETE DIDÁCTICO DO MUSEO

Mércores e venres ás 18 horas

(21,23, 28 e 30 de setembro).

Para todos os públicos.

Non se precisa inscrición previa.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra