AUDICIÓNS DE MÚSICA CLÁSICA COMENTADA 2016

Actualizado 20/09/2016 00:00

museo de pontevedra

No salón de actos do Sexto Edificio, durante os meses de outubro e novembro 2016, retomamos a nosa actividade de Audicións de Música Clásica Comentadas con dous novos ciclos temáticos:

MOMENTOS ESTELARES DA MÚSICA

A Historia da Música ensínanos que hai momentos en que o devir da mesma sofre un cambio radical. Nestas catro xornadas das que consta o ciclo trataremos de explicar algúns dos fenómenos musicais históricos analizados á luz da súa relación cos sucesos culturais que lle son contemporáneos xa que a música, como calquera outra disciplina intelectual, non se desenvolve illadamente senón que o fai de maneira conxunta e unitaria co resto do que convimos en chamar “o devir histórico e cultural da Humanidade”. Un exercicio que levaremos a cabo con audicións comentadas daquelas obras musicais máis representativas.

Este ciclo celebrarase os sábados 8, 15, 22 e 29 de outubro ás 11:30 h

BREVE HISTORIA DA ÓPERA

Neste bloque temático completaremos os catro ciclos que dedicamos á ópera en tempadas anteriores ampliando o noso estudo ao analizar aspectos relevantes da música escénica como son as voces, o coro, a dirección orquestral, e as diversas estéticas que influíron no desenvolvemento da Ópera ao longo da Historia. Todo iso ilustrado coa audición comentada de grandes obras do repertorio operístico. Desta maneira obteremos unha visión xeral da importancia que sempre tivo a música escénica desde as súas orixes ata a actualidade.

Este ciclo terá lugar os venres 4, 11, 18 e 25 de novembro ás 19:30 h

Como vén sendo habitual a asistencia a esta actividade é libre e de balde ata completar o aforo do salón de actos.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra