A enxeñería 3D aplicada ao patrimonio cultural

Actualizado 22/11/2016 00:00

museo de pontevedra

Esta presentación, que se celebrará ás sete e media da tarde do xoves 24 no Sexto, está auspiciada pola Deputación a través do Museo e terá como protagonista á firma Xeométrica. As persoas que asistan poderán gozar de exposicións interactivas de diversos modelos xeométricos relacionados con proxectos que Xeométrica vén desenvolvendo coa Dirección Xeral de Patrimonio e diversos Concellos galegos. Deste xeito, o centro histórico de Combarro (Poio), a escalinata de San Martiño Pinario (Santiago) ou o santuario de Santa Eulalia de Bóveda xa contan coa súa correspondente representación tridimensional.

As aplicacións de realidade virtual que están a vivir unha expansión grazas á proliferación de lentes compatibles cos terminais de telefonía intelixente son outra das novidades neste ámbito que se darán a coñecer. Así poderanse contemplar proxectos como a presentación interactiva dunha contorna virtual 360º sobre a Torre da Pena (Xinzo de Limia), xa concluído, e outros que se espera que sexan unha realidade.

En relación con estes últimos, Cristina Montojo, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, expoñerá xunto a Roberto Cabeceira, director xerente (CEO) de Xeométrica, a posibilidade de aplicar a enxeñería 360º como un mecanismo ou ferramenta para acometer a documentación e difusión da heráldica do centro histórico de Pontevedra.

A entrada a esta actividade é libre.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra