Música no Museo. Concerto de José Antonio Delgado

Actualizado 24/11/2016 00:00

museo de pontevedra

O sábado 26 de novembro, ás 19 horas, o cantautor gaditano José Antonio Delgado ofrecerá un concerto no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

José Antonio Delgado Millán nace en Villamartín (Cádiz) en xullo de 1978. É diplomado en Educación Social pola Universidade de Málaga, cidade na que tamén desenvolve maioritariamente a súa carreira musical.

Foi gañador de diversos certames nacionais de canción de autor, como: Certamen andaluz de canción de autor, en decembro do 2002, organizado polo IAJ (Instituto Andaluz de la Juventud); Concurso Espacio Libre, en Granada, e II de Cantautores Pay-Pay, en Cádiz, en 2003; Certamen Nacional de Cantautores Ruta del Tempranillo, en 2004; Certamen Nacional de Jóvenes Cantautores de Burgos (do que ostenta outros dous segundos premios nos anos 2003 e 2008), El Olivar de las Palabras, en Almensilla-Sevilla, en febreiro de 2008, e o I Certamen Nacional de Cantautores de Aguilar de la Frontera, en Córdoba, en 2009.

Ten gravados tres discos. O primeiro, autoproducido, leva o nome do propio artista. O segundo, Mareado, é unha produción de DodeMusic. E o terceiro, Perdiendo Altura, baixo o selo Odeón, de Ediciones Aljibe. Todos eles foron dirixidos, arranxados e producidos musicalmente polo mestre Joaquín Calderón.

Actualmente está gravando o disco que levará por título La vida por entero, baixo a dirección musical e a produción de Adolfo Langa.

Delgado compartiu escenario con músicos da altura de Antonio Vega, Javier Ruibal, Jorge Drexler, Luís Pastor, Leo Minax, Carlos Chaouen e Vanesa Martín, entre outros. As influencias máis directas deste novo cantautor van desde o pop actual ata o flamenco e o jazz. Nas súas cancións trata aquelas pequenas cousas cotiás, valores e paixóns humanas e especialmente, o amor pola vida.

A entrada será libre ata completar aforo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra