Presentación do libro Con el alba. El Cuaderno de Francia

Actualizado 19/12/2016 00:00

museo de pontevedra

O xoves 22 de decembro ás oito da tarde o salón de actos do Sexto será o escenario da presentación do libro Con el alba. El Cuaderno de Francia, edición facsimilar de Valle-Inclán co estudo preliminar e edición a cargo de Margarita Santos Zas.

En plena Guerra Mundial, concretamente o 27 de abril de 1916, Valle-Inclán viaxou a Francia, onde permaneceu dous meses. Durante este tempo realizou varias visitas á fronte de guerra seguindo itinerarios moi concretos, que compaxinou con estancias intermitentes en París. Desa intensa experiencia deixou constancia escrita nun pequeno caderno de notas, un caderno vertical, de follas raiadas e cubertas negras —similar a un Moleskine—, que presumiblemente non foi o único que levou consigo, pero si o único que se conservou. Trátase dunha sorte de “caderno de bitácora” de carácter estritamente persoal, que dá conta das observacións e impresións do escritor sobre os efectos da guerra na vangarda e a retagarda francesas, subliñando o patriotismo do pobo e do exército francés, a quen rende homenaxe de admiración constante.

Este manuscrito, rigorosamente inédito, conservouse ao longo dun século no arquivo privado da familia Valle-Inclán Alsina, con outros materiais autógrafos orixinais e documentos descoñecidos, que custodia agora a USC por convenio asinado cos herdeiros.

Con el alba. El Cuaderno de Francia é un libro concibido en forma de tríptico: a súa primeira parte alberga o estudo preliminar; o centro está ocupado polo facsímile dese caderno reproducido de forma autónoma e na segunda parte do tríptico está a transcrición diplomática.

Esta obra conmemora o centenario da súa escritura que coincide, ademais, co 150 aniversario do nacemento de Ramón do Valle-Inclán.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra