Exposición Airiños aires Rosalía

Actualizado 21/12/2016 00:01

museo de pontevedra

O Sexto Edificio acolle do 21 de decembro ao 29 de xaneiro a exposición de fotografías de Xurxo Lobato Airiños aires Rosalía impulsada por Obra Social La Caixa en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro.

Esta mostra está composta por cincuenta fotografías de gran formato do fotógrafo Xurxo Lobato que trazan a traxectoria vital e emocional da nosa escritora galega máis universal: Rosalía de Castro, a través dunha viaxe polas primeiras etapas vitais desta muller que transcorreu por terras de Compostela, Lestrove e Terras de Iria.

O propio Xurxo describe o seu traballo para esta exposición: “As miñas fotos queren ser unha mirada nostálxica, evocadora da vida de Rosalía e da súa obra. Collo a cámara e busco a Rosalía. Na capela do Hostal está unha cunca de pedra tantas veces ignorada. De Conxo os ecos das sombras. Camiñando baixo a chuvia compostelá, miro baixo os paraguas e topo a poeta. Na inmensa chaira de Castela retrato a soidade e a incomprensión. Na madrileña rúa da Ballesta unha placa lembra a presenza rosaliana, un home con cámara provoca desconfianza e temor das mulleres que venden o seu corpo… No canellón do Gato busco a Rosalía e atopo a Valle Inclán. Polo Casco Vello de Vigo escoito Cantares gallegos. E no val da Maía as campás rebolen alegres ó son do sancristán. Entro na casa coruñesa e retrato o desamparo. En Padrón nos detalles da súa casa sinto a presenza da poeta e as múltiples sombras da súa soidade”.

A principal finalidade desta iniciativa é transmitir ao público o coñecemento dunha das figuras clave das letras galegas e da proxección dos valores da nosa cultura.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra