Presentación do libro Veleros en el tráfico marítimo con Cuba (1800-1900)

Actualizado 02/03/2017 00:00

museo de pontevedra

O venres 3 de marzo ás 20 h presentarase no salón de actos do Sexto o libro Veleros en el tráfico marítimo con Cuba (1800-1900). Barcos matriculados na illa de Cuba. Naufraxios, singraduras, corsarios, temporais, averías… do que é autor Lino J. Pazos.

Neste traballo que se estende ao longo de 650 páxinas, abárcanse 100 anos da nosa historia Marítima e recóllense arredor de mil naufraxios, varadas, accidentes, incendios, etc., e máis de tres mil nomes de barcos e outros tantos de capitáns, patróns, consignatarios armadores…, relacionados co tráfico marítimo a vela coa Illa de Cuba.

O lector atoparase con infinidade de situacións nas que se viron envolvidos os intrépidos capitáns e tripulacións que navegaron desde as costas peninsulares ás antillanas, ou nos seus retornos, a bordo de miles de buques, sobre os cales o autor tentou recoller toda a información posible; información moi diseminada e que contiña bastantes erros que tivo que expurgar, cotexando outras fontes coas que cruzar os datos localizados.

Lino J. Pazos Pérez (Pontevedra, 1950) é un investigador nato e paciente. No seu haber ten máis de vinte publicacións, -entre outros títulos destacan Naufragios en las Rías Baixas, Guerra submarina en Finisterre, Submarinos al acecho, Faros de Galicia, Guía de sirenas, Barcos que dejan huella…- e cóntanse por centos os artigos de divulgación marítima aparecidos en prensa e revistas especializadas. A maioría de temas relacionados coa contorna marítima de Galicia. Con todo, hai tempo que vén realizando achegas ao mellor coñecemento da Mariña Mercante española e froito dese traballo son as súas publicacións, que se converteron en manuais necesarios para o interese dos estudosos e os afeccionados.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra