Presentación do disco Evocación. Reveriano Soutullo

Actualizado 14/03/2017 00:00

museo de pontevedra

O pianista Alejo Amoedo presentará o xoves 16 de marzo, ás 20:00 horas, o seu traballo nunha charla-concerto que terá lugar na zona acristalada da planta baixa do Sexto Edificio.

O músico redondelán recupera no seu novo disco unha das facetas máis descoñecidas do mestre Reveriano Soutullo (1880-1932): o seu repertorio de piano de salón. Editado por Dos Acordes, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e a dos concellos de Redondela e Ponteareas, baixo o título Evocación, o disco é froito do traballo de investigación realizado por Alejo Amoedo, que interpreta ao piano as 20 composicións que o conforman.

Trátase da primeira vez que se grava en CD e se comercializa a obra para piano só do compositor galego, un repertorio que se enmarca na denominada música de salón, popularizada no século XIX e na primeira metade do XX e da que formaron parte os valses, as mazurcas, as polcas, as habaneras, as fantasías sobre temas populares de inspiración folclórica, as zarzuelas, as baladas e as elexías, entre outras.

O álbum recolle 20 pezas pertencentes a tres ciclos (“Mañón. Colección de bailes fáciles para piano”, “En noche de luna. Colección de seis piezas fáciles para piano”, “En la playa. Colección de bailes fáciles para piano”), ademais doutras independentes. Acompaña o disco un libreto de 36 páxinas presentado pola presidenta da Fundación Reveriano Soutullo Otero, Rosa María Arija Soutullo, e mais polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Villanueva. O texto introdutorio ofrece información sobre os estudos de piano realizados polo compositor de Ponteareas e sobre a súa obra para piano, que se contextualiza na denominada música de salón. Complétase o libreto cunha descrición das pezas e unha cronoloxía vital do compositor, xunto con fotografías e imaxes inéditas.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra