Viaxar no tempo. Unha experiencia de realidade virtual no Edificio Sarmiento.

Actualizado 17/11/2017 00:00

museo de pontevedra

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación está a celebrar os 50 anos de historia cunha experiencia de realidade virtual dirixida a todos os públicos que acollerá o Museo de Pontevedra os días 21, 22 e 23 de novembro.

No claustro do Edificio Sarmiento instalarase un equipo de realidade virtual que permitirá ás persoas que o visiten realizar unha viaxe a través da historia recordando algún dos fitos máis importantes logrados grazas ó traballo dos enxeñeiros de telecomunicación.

A actividade ten por título “La historia de las telecomunicaciones como nunca la habías visto”, unha experiencia totalmente inmersiva que logra a través da realidade virtual trasladar ao usuario a momentos históricos das telecomunicacións, como poden ser a sala de telégrafos do Titanic, onde se enviou o sinal de S.O.S. instantes antes do afundimento; á ficticia invasión alieníxena narrada en 1938 por Orson Welles a través da radio ou ao momento no que Armstrong pisa a Lúa en 1968 retransmitido ante máis de 500 millóns de telespectadores.

O sistema instalado no edificio Sarmiento consta dunha produción audiovisual que permite a proxección de dúas formas: a través dunhas Oculus Rift con experiencia inmersiva e interactiva ou mediante o teléfono móbil grazas a unhas cardboards e accedendo á web creada para este proxecto (https://www.coit.es/50aniversario/) onde podemos ver a peza en 360º 3D.

O mundo virtual creado consta dunha contorna moi realista grazas ás miles de fotografías realizadas desde diversos ángulos que permiten recrear lugares e dispositivos. Mediante unha composición de ata 12 cámaras, esta tecnoloxía convirte a escena nun superpanorámico para posteriormente convertelo nun vídeo 360º.

Este evento estará aberto de 10 a 21 h para para todas as persoas que desexen mergullarse de forma activa na historia das telecomunicacións a través da realidade virtual.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra