Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Contacontos dedicado a Maruja Mallo

Actualizado 12/12/2017 00:00

museo de pontevedra

O sábado 16 de decembro, ás 17:30 h, o Museo fai unha nova homenaxe á artista Maruja Mallo, orientada esta vez ao público infantil, a partir de cinco anos, e familias, da man de Enrique Mauricio e Carlos Taboada, voz e ilustrador, respectivamente, dos contos de Polo Correo do Vento.

Unha vez finalizada a narración, os cativos e cativas poderán participar nun obradoiro de debuxo guiado polo ilustrador, así como gozar do fermoso cadro Cabeza de muller negra que Maruja Mallo pintou durante a súa estadía en América e que os rapaces e rapazas contemplarán na visita á sala onde se expón.

Polo Correo do Vento é un colectivo especializado en actividades para nenos e nenas, cuxo fin é promover a lectura, a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade.

A entrada a esta actividade complementaria do proxecto O Museo de Pontevedra en curtametraxes é de balde, ata completar aforo, e non precisa inscrición previa. A duración aproximada é dunha hora.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra