O Consello da Cultura presenta a edición de Chucurruchú de Antonio Iglesias Vilarelle

Actualizado 22/12/2017 10:00

museo de pontevedra

O Museo acolle a presentación da edición, revisión e estudo desta peza elaborada polo Consello da Cultura Galega. O acto terá lugar o vindeiro día 27, ás 20h, coa presenza da vicepresidenta, Rosario Álvarez, do profesor Luís Costa e do autor do estudo crítico, José Antonio Cantal.

Chucurruchú é o nome popular dunha procesión matinal que saía os anos impares arredor de Santa María, unha semana despois do día de Corpus. Unha festa con moito arraigamento en Pontevedra na que se inspirou Iglesias Vilarelle para plasmala musicalmente nunha suite en tres movementos. Para o director, pianista e coordinador da Sección de Musica e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega, Maximino Zumalave, “é unha icona sonora que sitúa a moitos pontevedreses nun preciso contexto de celebración popular e relixiosa”.

Chucurruchú foi composto en 1937 e a estrea realizouse en 1939 en Lisboa, con dirección e, mesmo, arranxos sobre o orixinal de Luís de Freitas Branco. A obra volveuse interpretar en Pontevedra en 2015 co gallo do Concerto das Letras Galegas dedicado a Filgueira Valverde.

Agora, o Consello da Cultura Galega publica esta obra coa colaboración do Museo de Pontevedra, que garda a documentación que se precisou para a súa elaboración. Alén da partitura, o volume conta cun estudo crítico a cargo de José Antonio Cantal Mariño, profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Antonio Iglesias Vilarelle nace o 17 de xaneiro de 1891 en Santiago de Compostela, aínda que con dous anos se trasladou a Pontevedra coa súa familia. Con 17 anos comeza os estudos de Dereito, que interrompe en novembro de 1910 para irse a Madrid a ocupar un emprego en Facenda. Remata os estudos na capital e reside alí ata os anos vinte, cando regresa a Pontevedra coa súa muller, Josefina Rodríguez Lorán, coa que casara en xullo de 1915.

As súas inquedanzas intelectuais abranguían moi diversos eidos: a historia da arte, as fontes e testemuños históricos, a liturxia e a haxiografía, a evolución das técnicas musicais e a renovación pedagóxica. Sendo a máis destacada das súas participacións culturais a súa produción no eido da música.

Na súa mocidade compartiu instituto con Sánchez Cantón, Octavio Pintos e Blanco Porto e formou parte dos Ultreias. A través da súa relación con Losada Diéguez axudou a pór os alicerces do Museo de Pontevedra e tamén do Seminario de Estudos Galegos.

Fundou con Antonio Blanco Porto a Sociedad Filharmónica de Pontevedra, da que foi secretario entre 1923 e 1925, e en 1940 converteuse en director da Coral Polifónica de Pontevedra, cargo que ocupou durante vinte e catro anos. Tamén dirixiu o Conservatorio de Música de Pontevedra. Como músico cultivou diversos xéneros como o motete, a suite orquestral, o lied, o preludio sinfónico e a canción popular.

Ingresou na Real Academia Galega en marzo de 1950, tamén foi académico correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, fillo adoptivo de Pontevedra e Cabaleiro da Orde de Isabel A Católica.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra