Exposición itineranteVer e Tocar. Museo Tiflolóxico ONCE

Actualizado 08/02/2018 00:00

museo de pontevedra

O Sexto Edificio acolle desde o 8 de febreiro ao 18 de marzo a mostra itinerante Ver e tocar, coa que o Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra celebra o seu 75 aniversario.

Na exposición poderán verse e tocarse diversos contidos procedentes do Museo Tiflolóxico da ONCE: maquetas entre as que podemos destacar a da catedral de Santiago, material tiflolóxico de diversas épocas na que se poderá coñecer a evolución histórica do instrumental de escritura para persoas con deficiencias visuais e obras, tanto pinturas como esculturas, realizadas por artistas discapacitados visuais graves.

O Museo Tiflolóxico foi creado pola ONCE hai 25 anos. Único en España –e case exclusivo en Europa–, naceu como servizo a persoas cegas ou con discapacidade visual grave, respondendo a unhas inquietudes concretas manifestadas por estes e propostas a dous niveis: por unha banda a necesidade de acceder á experiencia estética derivada das obras de arte e que só tiñan coñecemento a través das descricións escritas e nunca por experiencia propia; por outra, os creadores con discapacidade visual que demandaban un espazo onde poder expoñer as súas obras e que constituíra un escaparate para as súas inquedanzas.

O museo ten a súa sede central en Madrid, pero o desexo da Institución de proximidade á cidadanía, de compartir coa sociedade un mundo de creación excepcionais, para ver e tocar, impulsa a decisión da ONCE de poñer en marcha a itinerancia dunha mostra significativa de pezas de cada unha das coleccións que forman parte dos seus fondos.

Ademáis a mostra complementarase cun ciclo de conferencias con entrada libre co seguinte programa:

Venres 16 de febreiro . 19:30 h

“A baixa visión e a discapacidade visual”

Relator: Andrés Martínez Puente. Oftalmólogo do CRE da ONCE en Pontevedra

“A xordocegueira”

Relatora: Mercedes Fernández Cons. Especialista en xordocegueira do CRE da ONCE en Pontevedra

Martes 20 de febreiro. 19:00 h

“Pedagoxía e discapacidade visual en tempos de inclusión educativa”

Relatora: Pilar Carballo Lado. Pedagoga do CRE da ONCE en Pontevedra

“O reto da inclusión en ámbitos de ocio escolar”

Relator: Jaime Domínguez Tojo. Coordinador do Servizo de Investigación do CRE da ONCE en Pontevedra

Mércores 21 de febreiro . 19:00 h

“Accesibilidade no medio físico e tecnolóxico, un dereito para todos”

Relatoras: Mª Soledad González Pérez, Técnico en rehabilitación do CRE da ONCE en Pontevedra, e Rosa Mª Garrido Feijoo, Coordinadora do Servizo de Desenvolvemento e Adaptación no Ámbito Educativo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación do CRE da ONCE en Pontevedra

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra