Prehistoria cos clicks

Actualizado 21/02/2018 00:05

museo de pontevedra

Na primeira planta do Sexto pódese ver ata o 17 de xuño un diorama que recrea escenas da Prehistoria con “clicks”, coa que pretende achegar esta etapa da evolución humana aos máis pequenos e, ao tempo, animar ao público máis novo a que visite o Museo.

Esta é unha iniciativa creada por Casvali Servicios Integrales en colaboración co Centro de Encuentros y Creatividad e a Asociación Cultura y Sociedad e o Museo de la Evolución Humana, co lema “Xoguete + creatividade = coñecemento”.

O diorama reflicte diferentes accións humanas de momentos da época prehistórica: a caza, as covas, a pintura, o lume, diferentes especies de animais, algunhas delas extinguidas. Todo a través dun centenar de figuras complementadas con obxectos e reproducións da época, de maneira que as recreacións toman escala real e serven de coñecemento, ademais de darlle importancia aos labores de estudo (arqueoloxía, bioloxía, xeoloxía)… En resumo: Estudar, Aprender e Investigar.

Para que a visita resulte máis divertida e didáctica, no diorama aparecen algúns “erros”, anacronismos que o público infantil e familiar deberá descubrir durante a visita.

Con esta actividade as persoas, grandes ou pequenas, que visiten o Museo, terán unha introdución ao inicio da evolución humana que poderán continuar nas salas de Arqueoloxía primeiro, e máis adiante no resto das instalacións para contemplar testemuños da nosa historia a través das artes, ata os nosos días.

Ao longo destes meses realizaranse diversos obradoiros para a rapazada. O primeiro, de pigmentos naturais, terá lugar o vindeiro sábado día 24 de febreiro, en horario de mañá de 11:00h a 13:30 h e o 10 de marzo en horario de 17:00 a 19:30 h.

Os días 27 e 28 de marzo de 11:00 a 13:30 h haberá dous obradoiros de Prehistoria. A inscrición nestes obradoiros, que serán de balde, pode facerse a través do Gabinete Didáctico no teléfono 986 804 100, extensión 42413 ou a través do correo-e: gabinetedidactico.museo@depo.es . O horario de atención será de 8:30 a 14:30 h de luns a venres.

Os obradoiros de pigmentos naturais requiren unha idade mínima de 5 anos e os de arqueoloxía de 7 anos.

Esta actividade está encadrada nas celebradas no proxecto Telecultura 2017 e terá continuidade en vindeiras edicións deste programa.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra