A vangarda con nome de muller: Juana Francés, María Antonia Dans e María Victoria de la Fuente

Actualizado 01/03/2018 00:00

museo de pontevedra

Co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e co obxectivo de reivindicar a creación plástica feminina, desde o Museo de Pontevedra os días 7 e 9 de marzo renderase homenaxe a tres das artistas españolas máis significativas do século XX representadas na nosa colección: Juana Francés, María Antonia Dans e María Victoria de la Fuente. Será a través dun percorrido guiado pola exposición permanente ao que se poderá sumar o público sen necesidade de inscribirse previamente. A cita é ás 18h e o punto de encontro o Sexto Edificio.

Pertencentes a unha xeración que viviu a Guerra Civil e a ditadura, foron tres artistas valentes e adiantadas ao seu tempo unidas non só polo feito de seren mulleres e a súa indiscutible vocación artística, senón tamén pola súa coraxe á hora de romper estereotipos sociais e artísticos.

Estas pintoras fixeron fronte ás dificultades consubstanciais de ser artistas na súa época e tamén á discriminación por parte de certos críticos e compañeiros polo mero feito de ser mulleres.

Mais conseguiron con grande empeño e cunha independencia que case non se lles permitía na España da posguerra, ensartarse no complicado mundo da arte, maioritariamente masculino, derrubando os prexuízos entorno á capacidade creativa da muller e sentando precedentes ante a escasa presenza feminina no mundo da arte.

Con todo, a pesar dos seus éxitos e de deixarnos como legado unha frutífera produción artística recoñecible pola súa autenticidade e calidade, foron relegadas da historia da arte en comparación con outros membros da súa xeración.

O Museo súmase así a esta simbólica data para destacar o papel de Juana Francés, María Antonia Dans e María Victoria de la Fuente como mulleres artistas, achegar datos de interese sobre a súa vida profesional e persoal, situalas no contexto da súa xeración e establecer as achegas que o seu traballo supuxo para a arte contemporánea, en ocasións non o suficientemente valoradas, e devolverlles a relevancia que se merecen tanto na arte española como na colección do Museo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra