Exposición Ponte do Burgo. Berce, camiño, luz

Actualizado 14/03/2018 00:05

museo de pontevedra

Desde o 2 e ata o 28 de marzo o edificio Sarmiento acolle unha mostra de carácter divulgativo producida polo Concello baixo o título Ponte do Burgo. Berce, camiño, luz, coa que se persegue achegar a historia e o futuro da ponte como o elemento patrimonial máis importante da cidade.

A iniciativa enmárcase nas accións de cara á futura restauración da ponte, programada para este mesmo ano.

A exposición percorre a historia da ponte baixo unha óptica diacrónica, desde as especulacións en torno á ponte romana ata a construción da primeira versión da actual, que tivo lugar no século XII.

A montaxe da mostra consta de quince paneis e algunhas vitrinas que inclúen elementos orixinais atopados nas escavacións arqueolóxicas.

Un dos elementos máis significativos da mostra é a ilustración que Pier María Baldi realizou en 1669 que se conserva na biblioteca Laurenciana de Florencia, xa que é a máis detallada e fermosa ilustración que chegou ata nós da etapa previa a existencia da fotografía.

As contribucións históricas estiveron a cargo do arquiveiro municipal, Enrique Sotelo, Marga Veiga, o director do Museo, Carlos Valle, os arqueólogos Xoán Carlos Castro e Antonio de la Peña e a filóloga Conchi Cochón.

Ademais produciuse un documental, que se proxecta na exposición, e editouse un catálogo de 32 páxinas que se distribúe entre as persoas visitantes.

Máis información

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra