Conferencia de Eduardo Méndez-Quintas sobre o xacemento paleolítico de Porto Maior (As Neves)

Actualizado 19/03/2018 00:00

museo de pontevedra

O xoves 22 de marzo ás 20 h no Sexto Edificio, Eduardo Méndez-Quintas vai impartir a conferencia Pedra a pedra: o xacemento paleolítico de Porto Maior (As Neves) como un exemplo excepcional en Europa. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

O xacemento paleolítico de Porto Maior sitúase no concello das Neves (Pontevedra). Localizouse de xeito casual no ano 2005, co gallo da realización dunhas obras de extracción de terras, que deixaron a vista unha sección dos seus depósitos xeolóxicos. Tras unha serie de traballos preventivos, desenvoltos nos anos inmediatos o seu descubrimento, durante 2012 e 2014 retómanse os traballos no xacemento, a cargo dun novo equipo de investigación.

Os resultados destas investigacións acábanse de publicar na revista Scientific Reports, do grupo Nature, no artigo titulado “First evidence of an extensive Acheulean large cutting tool accumulation in Europe from Porto Maior (Galicia, Spain)”. O artigo é da autoría dos investigadores Eduardo Méndez-Quintas, Manuel Santonja, Alfredo Pérez-González do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), Mathieu Duval do Australian Research Centre for Human Evolution, Martina Demuro e Le Arnold da Universidade de Adelaida.

Neste traballo preséntanse os principais aspectos xeolóxicos, xeocronolóxicos e arqueolóxicos deste xacemento paleolítico, caracterizado pola maior concentración de grandes ferramentas do Paleolítico inferior recoñecida en todo o continente europeo. Este tipo de xacemento soamente recoñecíanse no continente africano e de Próximo Oriente, polo que a súa presenza en Europa é unha auténtica novidade científica. Así mesmo, as características da industria lítica recuperada inciden no aspecto “africano”, xa que mostran unhas dimensións anormalmente grandes para o recoñecido habitualmente no ámbito europeo.

O rango cronolóxico determinado pola combinación de datacións de Resonancia Paramagnética Electrónica (ESR) sobre grans de cuarzo ópticamente branqueados e Luminiscencia (pIR-IR) en grans de feldespato sedimentario -técnicas de datación nunca realizadas antes en Galicia- sitúa o xacemento entre os 300.000 e os 200.000 anos de antigüidade, o que o converte no xacemento ben coñecido máis antigo de Galicia. Esta circunstancia abunda na problemática sobre os procesos tecnolóxicos e culturais do Paleolítico inferior Europeo, incidindo na coexistencia de dúas tradicións “culturais” diferenciadas, o achelense de tipo africano, do que Porto Maior sería un dos seus maiores expoñentes, e as industrias de tipo Paleolítico medio antigo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra