Curso de Apreciación Musical 2018

Actualizado 06/04/2018 00:00

museo de pontevedra

A partir do 13 de abril comeza o primeiro ciclo da novena edición das Audicións de Música Clásica Comentadas, dirixidas e presentadas polo profesor Manuel López-Benito.

Cada un dos ciclos desenvolverase en catro xornadas que terán lugar os venres de 19:30 a 21:30 h e a asistencia é libre ata completar a capacidade do salón de actos do Sexto.

O programa deste primeiro semestre é o seguinte:

I. OS INSTRUMENTOS DA ORQUESTRA

O estudo comparado dos diferentes instrumentos da orquestra sinfónica, as súas calidades tímbricas, os afectos que producen e as maridaxes que poden formar son algúns dos aspectos que se analizarán neste ciclo do Curso de apreciación musical 2018. Para iso escoitaranse e analizaranse algunhas das obras máis representativas para cada un dos instrumentos obxecto do estudo do curso. Completarase a unidade didáctica analizando a importancia da dirección orquestral e a súa evolución ao longo da historia.

Venres 13, 20, 27 de abril, e 4 de maio

II. GRANDES OBRAS DA MÚSICA CLÁSICA

Continuando cos ciclos de anos anteriores de “Grandes Obras da Música Clásica”, escoitaranse e estudaranse en profundidade desde o punto de vista programático, estético, histórico e musical, algunhas das máis importantes páxinas musicais da Historia da Música Clásica. Unha maneira diferente de achegarse a estas obras co obxectivo de aumentar a emoción da súa escoita.

Venres 1, 8, 22 e 29 de xuño

Abrir programa en pdf

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra