Proxección dos documentais Thanatos e The times and tales of two Beiruts

Actualizado 12/04/2018 00:00

museo de pontevedra

O martes 17 de abril, ás 19:30 h, o salón de actos do Sexto será o escenario onde se proxecten, en pase non oficial, dous documentais que foron proxectos finais da XIX promoción da ESCAC (2016) e producidos en 2017. Trátase de Thanatos dirixida por Axel D. Sánchez e The times and tales of two Beiruts de Teymur Faris.

Thanatos é unha curtametraxe documental que retrata a Gina, unha muller de Combarro que comparte co espectador a súa mirada retrospectiva sobre unha longa vida, sobre a morte e os sentimentos que florecen a súa avanzada idade.O seu director, Axel D. Sánchez, graduouse en ESCAC con mención en Documental no ano 2017 e Thanatos foi o seu Proxecto de graduación.

O outro documental que se proxecta é The times and tales of two Beiruts dirixido por Teymur Faris, cuxa intención é que o espectador poida coñecer e comprender a vida cultural do Líbano entre os anos 60 e 80 a través das fotografías do seu pai, Waddah Faris, que probablemente sexan os únicos arquivos que retraten este país de maneira completa nos seus anos máis revolucionarios.

A pretensión deste documental é correr a cortina tras a que se escondía unha revolución contracultural equiparable á que se deu en Occidente, pero que permanecera descoñecida ata agora.

A través da obra de Waddah Faris, arquitecto, deseñador de interiores, galerista e fotógrafo, lógrase reconstruír e viaxar ata unha época, na que Beirut se atopaba en plena efervescencia. Un mundo de soños, ata que a guerra o converteu nun pesadelo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra