Presentación de Cartolatría

Actualizado 23/04/2018 00:00

museo de pontevedra

O martes 24 de abril ás oito da tarde o salón de actos do Sexto será o escenario da presentación de Carlolatría. Epistolario Sánchez Cantón – Filgueira Valverde, publicado polo Museo e da que é responsable a arquiveira do mesmo, Mª Jesús Fortes Alén.

A relación epistolar entre Filgueira Valverde e Sánchez Cantón é esencial para coñecer o desenvolvemento da vida cotiá do Museo de Pontevedra nos seus primeiros anos de actividade e tamén a evolución da propia cidade.

Cartolatría é o compendio das misivas intercambiadas entre estes dous persoeiros de prestixio excepcional, con regularidade durante corenta e catro anos, só interrompida no ano 1927 –do que non se atopou ningunha carta– e durante a Guerra Civil, que mantivo aos dous protagonistas en frontes diferentes sen posibilidade de contacto alén das referidas oralmente por terceiras persoas.

Unha característica salientable é a de que o Museo é depositario dos arquivos persoais de ambos os dous, circunstancia que poucas veces se dá na recuperación da produción epistolar que emana ou recibe un suxeito debido á sorte desigual dos arquivos privados aínda que sexan personaxes de sumo interese.

A obra recolle 1.356 cartas que se intercambiaron desde 1926 ata 1970 Francisco Javier Sánchez Cantón e Xosé Filgueira Valverde. Preséntase en tres volumes: o primeiro abrangue desde 1926 ata 1943, ano no que se inaugurou o edificio García Flórez do Museo; o segundo de 1944 a 1952 cando se cumpría o 25 aniversario da fundación da institución museística pontevedresa; e o terceiro desde 1953 ata 1970, un ano despois finaba Sánchez Cantón.

A recompilación, transcrición e edición correu a cargo de María Jesús Fortes Alén, responsable do Arquivo Documental do Museo, así mesmo é a autora do estudo preliminar. Encargouse dos índices Eva Pena Rodríguez, tamén traballadora do arquivo. A modo de prólogo escribe un texto Carlos Valle, director.

Esta e outras publicacións do Museo poden adquirirse no Sexto Edificio de xeito presencial ou, desde fóra de Pontevedra, solicitarse a través de correo electrónico, teléfono, etc.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra