Proxección do documental ARTE+MULLER+GALICIA

Actualizado 24/04/2018 00:00

museo de pontevedra

O salón de actos do Sexto acolle o mércores 25 de abril, ás 20 h, a estrea do documental ARTE+MULLER+GALICIA, unha perspectiva sobre o papel clave das artistas mulleres na Arte Contemporánea galega. O filme, dirixido pola historiadora da Arte e crítica Rosario Sarmiento, foi un dos proxectos culturais galardoados no I Concurso de Ideas ‘Luísa Villalta’ de Iniciativas Culturais pola Igualdade, convocado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña.

O documental ARTE+MULLER+GALICIA, expón un achegamento ao traballo daquelas artistas mulleres cuxa obra resulta fundamental para entender o desenvolvemento da historia da Arte Contemporánea en Galicia. A través das biografías, as obras e fundamentalmente os testemuños destas artistas pertencentes a diferentes ámbitos creativos e xeracionais, ARTE+MULLER+GALICIA debuxa un amplo e plural escenario de reflexión sobre as circunstancias que rodearon a súa carreira como creadoras.

O film divídese en dúas partes, un primeiro percorrido histórico a través da vida e a obra de diferentes xeracións de artistas ata chegar a aquelas creadoras que realizan por primeira vez os seus estudos superiores en Galicia, trala creación da Facultade de Belas Artes en 1990. Nel faise unha reflexión sobre cuestións como o seu insignificante protagonismo nos movementos de Vangarda anteriores á Guerra Civil, a Posguerra e a obrigada emigración cara a outros centros artísticos fóra do seu país; a chegada da Democracia e a Autonomía; o impulso dinamizador das artes plásticas en Galicia e, finalmente, os novos escenarios formativos nos que as nosas artistas comezarán as súas traxectorias nos inicios do século XXI.

Na segunda parte toman a palabra, nos seus obradoiros, oito creadoras que participaron na exposición ‘Mulleres do silencio’: Fina Mantiñán, Rosalía Pazo, Elena Colmeiro, Berta Cáccamo, Soledad Penalta, Mónica Alonso, María Xosé Díaz, Almudena Fernández Fariña, Menchu Lamas e Tatiana Medal. De diferentes tendencias artísticas e xeracionais, relatan as circunstancias que rodearon o seu traballo, a súa proxección profesional, e cal é a súa opinión sobre o que significa ser muller artista en Galicia.

Á proxección do filme seguirá un coloquio aberto ao público arredor das circunstancias da muller na arte, no que participarán a directora do documental, Rosario Sarmiento, e as artistas Almudena Fernandez Fariña, Berta Cáccamo e Rosalía Pazo.

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra