Presentación do catálogo da exposición Pontevedra Suite. Manuel Moldes

Actualizado 02/05/2018 00:00

museo de pontevedra

O xoves 3 de maio cúmprense catro meses do pasamento do pintor pontevedrés Manuel Moldes e é o día no que se presenta, no Sexto, o catálogo da súa derradeira exposición, Pontevedra Suite, celebrada no Museo entre o 27 de xullo e o 17 de setembro de 2017. Será ás oito da tarde.

O volume conta cos textos do comisariado, Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, “Pontevedra Suite. A recreación dun espazo simbólico”; Miguel Fernández-Cid, “Moldes e Pontevedra. Unha mirada crítica”; Mariano H. de Ossorno, “Noticias que foron chegando (a modo de retallos que a memoria aguanta)”, e Ramón Rozas, “No tempo da pintura na Pontevedra de sempre”. As colaboracións péchanse cun breve texto de Manuel Jabois, “Moldes sen extinción”.

No apartado gráfico recompila toda a obra seleccionada para a mostra Pontevedra Suite, incluída a acción que o creador realizou na cristaleira exterior do Sexto e un DVD con material audiovisual da montaxe da exposición.

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra