Presentación do libro Mirequelledigo

Actualizado 08/05/2018 00:00

museo de pontevedra

O xoves 10 de maio, ás oito da tarde, presentarase na zona de cristal do Sexto o libro Mirequelledigo. Crónicas dun filósofo tabernario, do que é autor Manoel Da Costa.

Nunha taberna de Bouzas, convertida en trincheira da cultura popular na que aínda se pode falar e cantar, un vello con moita mar nos ollos e un xubilado peripatético celebran, inaccesibles ao desalento, o vello ritual da comunicación oral.

Enredadas na historia do Tino, o seu compañeiro de desventuras no Gran Sol, coñeceremos outras moitas, entre outras as de Aileen, a rapaza de louros cabelos, a do gaiteiro Marcial e a súa filla, as de don Xosé Seivane e o Marreco, a de Antonio Medal e Manuel Quiroga…

As notas destas conversas co vello mariñeiro con don Manoel, máis ou menos axeitadamente ordenadas e ilustradas por este, son o libro que se presenta, editado por Meubook.

Manoel Da Costa (A Coruña, 1947) é perito industrial pola EUETI de Vigo e compaxinou a súa actividade co ensino na EEI da Universidade de Vigo. O paso do ano 2013 á situación de xubilación permitiulle retomar a práctica das actividades que o exercicio da profesión lle impedira, nomeadamente a das artes plásticas e a escrita, da que este libro é a primeira mostra.

A entrada será libre ata completar a capacidade da sala.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra