Conferencia Con María de Lluria en Cuba: avances dun proxecto en curso

Actualizado 11/05/2018 00:00

museo de pontevedra

O martes 15 de maio, ás oito da tarde, no salón de actos do Sexto o profesor cubano Ricardo Luis Hernández Otero dará unha conferencia co título Con María de Lluria en Cuba: avances dun proxecto en curso.

A figura de María Vinyals, tamén coñecida como a marquesa vermella, comezou a se estudar durante os anos noventa do século pasado. A esta muller polifacética que pasou dos salóns aristocráticos da corte madrileña a militar no Partido Socialista, que exerceu de empresaria xunto co seu segundo marido, o médico cubano Enrique Lluria fundando un Sanatorio no castelo de Soutomaior e foi escritora, xornalista e precursora do feminismo, dedicoulle o Museo unha exposición a finais do pasado ano: De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista social, título que tamén leva a primeira monografía que se lle dedica a esta figura da autoría de Mª Ángela Comesaña e Aurora Marco.

En 1920 chega á Habana, onde xa asina como María de Lluria, e vinculouse ao activo movemento feminista cubano, participou en entidades de sesgo progresista coma o Grupo Clarté, disertou sobre diversos temas en institucións de variada índole e orientación política e cultural, e destacou pola profusa publicación en revistas e xornais nos que mantivo durante meses sección fixas como “Femeninas” e “Movimiento social”

O profesor Ricardo Hernández no transcurso da súa investigación sobre María Vinyals en Cuba

Do traballo de investigación desta etapa cubana falará, pois, o profesor universitario, investigador e crítico literario Ricardo Luis Hernández Otero (A Habana, 1946). Obtivo o título de Graduado na Universidade da Habana como Profesor de Ensino Medio Superior en Español-Literatura (1971) e Licenciado en Lingua e Literatura Hispánicas (1975). Durante catro décadas desempeñou labores de investigador literario no Instituto de Literatura y Lingüística da Habana. Os seus campos de especialización comprenden aspectos como a prensa cubana e o vangardismo, entre outros. Desde 2013 coordina proxectos de investigación sobre José Martí e sobre a estancia en Cuba da escritora e loitadora feminista galega María Vinyals coa colaboración respectiva de profesores hispanos das universidades de Towson (Maryland) e Asheville (Carolina do Norte).

O seu último libro publicado é a compilación Mirta Aguirre: España en la sangre; España en el corazón (2012). Actualmente integra o comité xestor que prepara a reaparición da Revista de Literatura Cubana.

Como é habitual a entrada ao acto é libre ata completar a capacidade da sala.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra