Apertura das salas Castelao remodeladas

Actualizado 04/07/2018 00:00

museo de pontevedra

Xa están abertas ao público as Salas Castelao do segundo andar do Sexto Edificio logo do peche temporal motivado polos traballos de acondicionamento para a colocación dos 51 debuxos orixinais do Álbum Nós. A remodelación significou tamén un cambio na disposición doutras obras e unha considerable ampliación dos fondos expostos.

Premer nas imaxes para ampliar

Os debuxos orixinais do Álbum Nós permaneceran en paradoiro descoñecido desde a súa publicación en 1931 ata 2016 cando se acharon durante os traballos de preparación da mostra Meu Pontevedra! Castelao 1916-1936 onde se exhibiron por primeira vez desde a década de 1920. Desde entón, en calidade de depósito, enriquecen a nosa amplísima colección amosándose agora de forma permanente nun recinto individualizado dentro da mesma sala onde se exhiben os Álbums de Guerra, a súa outra grande obra mestra.

Dan acceso aos 49 debuxos que compoñen as láminas numeradas, o autorretrato e o ex libris que formaron parte do álbum publicado en 1931, unha selección de debuxos cos que xa contaba o Museo que presentan pequenas variacións sobre os finalmente publicados.

Na montaxe respectáronse as cartolinas orixinais sobre as que o artista pegara os seus debuxos e escribira a lapis os comentarios que os acompañan. Nelas vense os orificios para uns posibles aneis, que a diferenza das láminas publicadas áchanse na parte superior en non nos laterais.

Ademais da colocación do Álbum Nós, na sala levouse a cabo unha remodelación dos fondos expostos e unha ampliación dos mesmos tratando de expoñer un número de obras considerablemente maior, aproveitando ao máximo o espazo dispoñible.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra