Ciclo de Música Sons no Ar-co 2018

Actualizado 16/07/2018 00:00

museo de pontevedra

Durante dous venres de xullo consecutivos, a praza diante do “arco” do Museo volve ser escenario da música na rúa. Dúas propostas distintas e mesmo contrastantes, cosmopolitas en ámbolos dous casos. Dos clásicos da tradición europea nunha relectura desenfadada e mesmo provocadora, aos tangos rioplatenses, Sons no Ar-co deste 2018 acolle novamente a dúas formacións que xa pasaron pola Praza da Leña e que volven, dentro de cadanseu estilo, a reencontrarse co público de verán en Pontevedra. Achéguense e gocen das músicas da contorna: o Museo de Pontevedra convídaos.

Programa

Venres, 20 de xullo, 22:30 h

ABMIRAM QUARTET. Percusión

Director: Martín Maez

Intérpretes: André Pérez, Jose Luís Rodríguez, Fernando Vidal, Rubén Comesaña.

Arreglistas: Rubén Comesaña e Saúl Chapela

Técnico de son e luces: Oscar Conde

DES-CONCERTO

O terceiro espectáculo producido por Abmiram Quartet é un novo show onde os catro virtuosos músicos farán as delicias de maiores e cativos, coa axuda da súa xa coñecida marimba e, ademais, dalgunha que outra sorpresa. O humor e a tolemia mestúranse á perfección cun renovado repertorio musical que redescubre o xeito de achegarse aos “hits” clásicos.

Abmiram Quartet é un grupo formado por catro novos percusionistas vigueses, creado expresamente para participar no concurso televisivo Got Talent España de Telecinco, onde acadaron un notable éxito como semifinalistas. O seu obxectivo é achegar a música clásica ao público, facéndoa amena sen deixar de lado a calidade. Para iso empregan un instrumento pouco habitual no repertorio: a marimba. Os intérpretes engaden á execución virtuosística das pezas algúns gags humorísticos, dramatización e, dentro do que a execución instrumental lles permite, incluso o baile. A cómica posta en escena contrasta coa execución, onde se pode apreciar a súa extensa formación académica, convertendo en fácil o extremo. Os catro percusionistas desenvolven ademais as súas carreiras como colaboradores en bandas de música e orquestras sinfónicas nacionais e internacionais.

Venres, 27 de xullo, 22:30 h

TANGATA

Enrique Migliarini (voz)

Artigas Anelo (bandoneón)

David Veiga (violín)

Alberto Vilas (piano)

Gustavo A. Barcia (contrabaixo)

TANGATA é unha formación composta por músicos e profesores vencellados aos conservatorios galegos, e dedicada ao tango en todas as súas manifestacións. Creado arredor da figura do bandoneonista uruguaio Artigas Anelo en 1988, está a celebrar neste 2018 o seu 30 aniversario como grupo. E precisamente, para conmemorar este feito, veñen de gravar un novo disco, o cuarto no seu haber: Que 30 años no es nada, que están a presentar ao longo deste ano.

Cun amplísimo e exclusivo repertorio no que aos arranxos dos temas se refire, TANGATA interpreta tangos, valses e milongas cun estilo moi particular e característico, ben fose como trío ou cuarteto instrumental, ou ben, como nesta ocasión, como quinteto, incorporando a voz e con ela, toda o forza e o sentimento do tango porteño.

Na súa dilatada carreira, o grupo tense presentado en escenarios de todo o mundo, sendo principalmente unha formación dedicada aos concertos ao vivo, nos que amosan toda a emotividade e forza expresiva do tango; sen dúbida un dos xe?neros máis emotivo e rico da música popular do século XX.

Luís Brignolo - Chiqué

Aníbal Troilo/ Enrique Cadícamo. Garúa

Aníbal Troilo/ Cátulo Castillo. La última curda

Ástor Piazzolla/Horacio Ferrer. Chiquilín de Bachín

Cátulo Castillo. Organito de la tarde

Héctor Stamponi/ Cátulo Castillo. El último café

Virgilio/ Homero Expósito. Naranjo en flor

Julio De Caro. Boedo

Mariano Mores. Uno

Carlos Gardel /Alfredo Le Pera. Melodía de arrabal

Julio De Caro. El arranque

Gerardo Matos Rodríguez. La Cumparsita

Carlos Gardel/ Alfredo Le Pera. El día que me quieras

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra