Noites de Música Antiga (en San Bartolomeu). Orquestra Barroca Aut Tace

Actualizado 31/07/2018 00:00

museo de pontevedra

O venres 3 de agosto, ás 21 h, a igrexa de San Bartolomeu será o escenario do segundo concerto do ciclo Noites de Música Antiga que ofrecerá a Orquestra Barroca Aut Tace baixo a dirección de Pedro Sousa Silva.

O programa deste concerto é un monográfico dedicado a Georg Philipp Telemann (1681-1767) compositor a quen a posteridade lle habería de reservar un lugar á sombra de J. S. Bach, se ben en xustiza hai que dicir que foi considerado en vida, o maior compositor alemán do seu tempo; tanto pola calidade da súa inspiración como polo volume da súa produción. Os catálogos máis completos recollen máis de 3.000 obras musicais deste autor en practicamente todos os xéneros: xa fosen vocais, instrumentais, relixiosos ou profanos, mesmo na ópera, na que Bach nunca se adentrara.

Viaxeiro e receptivo aos diferentes estilos locais, a música de Telemann recolle de xeito ecléctico as influencias do barroco francés e italiano, e mesmo apunta nas súas producións máis avanzadas ao incipiente estilo clásico que seguiría á música do baixo continuo. Fondamente influenciado pola concepción descritiva da música que se apunta con forza no barroco final, frecuentemente as obras de Telemann, e de xeito máis claro na música instrumental camerística, xogan a crear planos narrativos humorísticos ou caricaturescos, baseados en figuras, historias ou ideas, no imaxinario dos oíntes. Exemplos disto son a Ouverture-Suite Les Nations, na que cada movemento representa a cidadanía de diferentes países: Turquía, Suíza, Portugal, etc.; o Trío Sonata en Do menor, no que os movementos describen mulleres famosas: Lucrecia Borgia, Xantippe, Dido, etc.; ou a Suite Gulliver para dous violíns e a Ouverture D. Quixotte, que describen episodios deses famosos libros de aventuras.

O mesmo ocorre coa obra que abre este concerto, a Suite Hamburger Ebb' und Fluth, tamén coñecida como Música Acuática, por ser unha encomenda para a celebración do centenario do almirantado da cidade de Hamburgo en 1723, cidade que fixo do seu porto a orixe e o motor da súa prosperidade. Nesta obra, Telemann dispón unha serie de cadros musicais que representan figuras mitolóxicas ou episodios asociados á auga. A Suiteiniciase coa Ouverture segundo o modelo francés, á que segue unha Sarabanda e unha Bourrée na que Thetis, a deusa primixenia da terra, esperta; a melancólica Loure evoca a Neptuno, namorado; a Gavota, ás Náiades das augas rebuldeiras; seguen logo danzas referidas ao ledo Tritón, a Eolo que goberna os ventos e as tempestades, e ao amable Zéfiro que sopra do oeste. Remata a suite, con dous movementos que refiren ao movemento das mareas e á ledicia das xentes do mar expresada na Canaria.

A Suite para Frauta en la menor, coñecida co sobrenome do segundo movemento, Les Plaisirs, conforma a segunda parte do programa. Telemann mostrou unha notable predilección pola frauta na súa produción e boa mostra disto son as 12 Fantasías para frauta soa, ademais de sonatas e concertos para este instrumento. A Suite segue o modelo do xénero que se pode atopar tamén en Bach ou en Haendel: iniciase con unha maxestuosa ouverture ao estilo francés, á que seguen diferentes danzas estilizadas para a música de concerto. A Suite en la menor é unha peza de alto virtuosismo e esixencia para a frauta, como se pode apreciar na bourrée do segundo movemento e nas súas seccións rápidas en xeral.

INTÉRPRETES

Orquestra Aut Tace

Vadim Makarenko, Mariña García-Bouso, Maria José Pámpano, Ana Clérigo (violíns)

Andoni Conde Villar Díaz (viola)

Fernando Santiago García, Inês Coelho (violonchelos)

Baldomero Barciela (viola de baixo)

António Vidal, José Carvalho (óboes)

António Godinho, Pedro Sousa Silva (frautas)

Joana Almeida (fagot)

Vasco Pereira (cravo)

Director e frauta solista: Pedro Sousa Silva

Aut tace aut loquere meliora silentio (está calado ou di algo mellor que o silencio), é unha frase atribuída a Pitágoras e usada como emblema polo pintor, poeta, actor e músico Salvator Rosa no seu “autorretrato como filósofo do silencio” (1641). A apropiación deste lema para designar ao grupo fundado por Pedro Sousa Silva en 2017 ten un dobre sentido: por un lado lembra que o silencio é (ou debería ser) o hábitat natural da música; por outro, alude á elocuencia da música instrumental barroca que procura expresar afectos que están máis acá, ou máis alá, das simples palabras.

PROGRAMA

Georg Phillipp Telemann (1681-1767)

Suite Hamburger Ebb' und Fluth (Musica Acuática) em Do Maior, TWV 55:C3

Ouverture in C major

Sarabande: Die schlafende Thetis (Thetis adormecida)

Bourrée: Die erwachende Thetis (o espertar de Thetis)

Loure: Der verliebte Neptunus (Neptuno apaixonado)

Gavotte: Spielende Najaden (as Náiades rebuldeiras)

Harlequinade: Der schertzende Tritonus (Tritón gozoso)

Tempête: Der stürmende Aeolus (el intempestivo Eolo)

Menuett: Der angenehme Zephir (o agradable Zéfiro)

Gigue: Ebbe und Fluth (marea alta e marea baixa)

Canarie: Die lustigen Boots Leute (as alegres xentes dos botes)

Suite en la menor para frauta concertada, TWV 55:a2

Ouverture

Les Plaisirs

Air à l'Italien (Largo-Allegro)

Menuet I e II

Réjouissance

Passepied I e II

Polonaise

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra