Concerto A la luz de los candelabros (LIX edición)

Actualizado 08/08/2018 00:00

museo de pontevedra

Un ano máis, e xa son  cincuenta e nove, o Museo acollerá ao alumnado dos cursos internacionais de Música en Compostela, que se inauguraron en Santiago de Compostela o domingo 5 de agosto, no concerto A la luz de los candelabros. Será o sábado 11 de agosto ás oito da tarde na sala oito da primeira planta do Sexto. Dúas horas antes esa planta pecharase ao público para poder levar a cabo os preparativos previos.

Os Cursos Universitarios e Internacionais de Música en Compostela foron creados en 1958 por iniciativa do Mestre  Andrés Segovia, apoiada polo diplomático José Miguel Ruiz Morales, Director Xeral de Relacións Culturais do Ministerio de Asuntos Exteriores. Desde entón viñeron celebrándose en Santiago todos os veráns ata a actualidade, cando se cumpren os 61 anos da súa existencia, mantendo a finalidade para a que foron creados: informar, interpretar e cultivar a música española, ideal que transmite cada edición ao centenar de alumnos das máis de vinte nacionalidades que, de media, rexistra anualmente a matrícula.

Dous anos despois intituíuse o costume de realizar un concerto na cidade de Pontevedra, tendo o Museo como sede, e desde entón ambos os eventos manteñen a súa cita anual constituíndo xa unha tradición que os alumnos bolseiros ofrezan ao público da cidade do Lérez un coidado programa musical como parte do seu traballo nas aulas.

Concerto A la luz de los candelabros (LIX edición)

Ensinaron nas aulas dos Cursos desde o propio  Andrés Segovia ata os máis prestixiosos músicos como Óscar  Esplá (o seu primeiro director), Federico  Mompou, Joaquín Rodrigo, Alicia de  Larrocha,  Xavier  Montsalvatge, Vitoria dos Ángeles,  Monterrat  Caballé (bolseira no ano 1962), Conchita  Badía, Gaspar  Cassadó, Rosa  Sabater e, xa en datas máis recentes, Carmelo  Bernaola e Cristóbal  Halffter (tamén antigos alumnos), Luis de Pablo, Antonio  Iglesias,  Enrique Santiago, Isabel  Penagos, José López Calo e  Antón García Abril. Poden citarse como exemplos ilustres do numeroso alumnado, os nomes internacionais dos mestres Jesús López  Cobos, John Williams ou  Christopher  Hogwood.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra