Feira Franca 2018 no Museo. A fin das lendas, o inicio da ciencia…

Actualizado 13/08/2018 00:00

museo de pontevedra

Ao longo da semana que precede á Feira Franca, o Museo ofrece un obradoiro para nenas e nenos que ten como obxectivos, entre outros, os de desenvolver a súa creatividade, a súa imaxinación e a súa capacidade de observación e que aprendan a valorar a importancia das lendas e mitos presentes en Galicia e que coñezan a relevancia que tiveron os avances tecnolóxicos de finais da Idade Media e comezos da Moderna.

Foi no ano 1467 cando o rei Henrique IV de Castela lle outorgou a Pontevedra o privilexio para instaurar un mercado libre de impostos. Aínda que se trata dunha data enmarcada na Idade Media, e case o inicio da Idade Moderna, é un episodio na historia cheo de novidades no campo da cultura e da ciencia. Por conseguinte, vaise facer unha viaxe no tempo desde as lendas ata os avances científicos destes séculos. Explicaranse os avances e inventos culturais da Idade Media coma as lentes, a pólvora, o compás e a imprenta para proseguir cos avances dos séculos XV e XVI coma o telescopio, o microscopio ou o termómetro. As persoas participantes poderán entender mediante unha metodoloxía activa como a ciencia foi tomando máis espazos, que correspondían anteriormente ao pensamento mítico.

Partindo da narración oral e de numerosas réplicas históricas e láminas ilustrativas, achegaranse á transición do medievo e ao principio da época moderna.

As e os participantes coñecerán a importancia que tiveron para a sociedade certos descubrimentos e inventos no ámbito científico e as novidades dentro da cultura material relacionada coa difusión das ideas como foi a imprenta.

Ademais farase unha contraposición entre o pensamento mitolóxico e a bruxería que domina a Idade Media, ata os inventos e descubrimentos científicos que avanzaron nos séculos posteriores.

Feira Franca 2018 no Museo. A fin das lendas, o inicio da ciencia…

Realizaranse catro quendas, unha cada día, para diferentes grupos de nenas e nenos.

Datas: 28, 29, 30 e 31 de agosto.
Número de participantes: 20 nenas/os por quenda
Idades:

  • Modalidade 1 : de 4 a 7 anos  (martes 28 e mércores 29)
  • Modalidade 2: de 8 a 13 anos (xoves 30 e venres 31)

Horario: de 11 a 12:30
Lugar: Sexto Edificio

Inscrición: a inscrición será por vía telefónica ou a través de correo electrónico. As prazas outorgaranse respectando a orde de recepción de chamadas e de correos. O horario de atención telefónica e de correos é de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.
Teléfono: 986 804 100 ext. 42412
Correo-e: gabinetedidactico.museo@depo.es

O sábado 1 de setembro, día grande da Feira Franca, no Sexto Edificio, todas as persoas adultas, mozas e pequenas que nos visiten, poderán realizar algunha actividade creativa inspirada na época da concesión de feira franca e  tamén fotografarse co trobador do Museo, que xa nos acompañou en anos precedentes.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra