A pintura que soa

Actualizado 24/09/2018 00:00

museo de pontevedra

No pasado mes de xullo desenvolveuse no Museo, impartido polo grupo de artistas e educadores madrileños de Espacio Rojo, o obradoiro A pintura que soa, actividade que lle puxo son a algunhas das obras pictóricas do museo que o público acotío observa en silencio.

Que voces, ruídos ou melodías se agochan tras as escenas que observamos? Con esta interesante formulación un grupo de persoas de diferentes idades e afeccións animáronse a participar nesta experiencia interxeracional e intercultural.

A metodoloxía do obradoiro, a grandes trazos, partiu dun primeiro contacto das persoas coas obras escollidas, das que non se lles facilitou ningunha información para evitar condicionar a súa primeira impresión. Tratábase de invitalos á observación detida de cada unha delas para ir recollendo nun audio aquelas ideas que fosen nacendo do maxín da xente.

O segundo paso foi facilitar por parte do equipo de Espacio Rojo, información sobre os autores e as escenas representadas.

Finalmente, nun traballo moi orixinal e de grupo, os nenos, nenas e persoas adultas participantes, puxéronlle son á pintura.

As obras coas que traballaron e que podedes visitar na primeira e a segunda planta do Sexto Edificio do Museo son os óleos As pitas ,pintado en 1880 por Carmen Babiano Méndez-Núñez, Victima del trabajo, pintado en 1902 por Jenaro Carrero Fernández e Interior de la Fábrica de Tabacos de Sevilla de Gonzalo Bilbao (1860 –1938).

O resultado desta interesante experiencia podedes escoitalo en: https://soundcloud.com/espacio-rojo/sets/la-pintura-que-suena-a-pintura

Os informativos da televisión deron conta desta actividade nunha reportaxe sobre o segundo destes cadros que se pode ver en: http://www.crtvg.es/informativos/no-taller-pinturas-que-soan-os-participantes-aprenden-a-escoitar-o-que-din-os-cadros

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra