Curso de apreciación musical 2018 . Programa do segundo semestre

Actualizado 27/09/2018 00:00

museo de pontevedra

O venres 5 de outubro no salón de actos do Sexto Edificio retómanse ás sesións das audicións de música clásica comentadas, dirixidas e presentadas por Manuel López-Benito. Constarán, neste último trimestre, de dous ciclos de catro xornadas cada un que se desenvolverán os venres entre as 19:30 e as 21:30 h

MOMENTOS ESTELARES DA MÚSICA

Venres, 5, 19, 26 de outubro e 9 de novembro, ás 19:30 h

A través da historia da música aprendemos que hai momentos no que o seu devir sofre un cambio radical. Nas catro xornadas das que consta o ciclo trataranse de explicar algúns dos fenómenos musicais históricos á luz da súa relación cos sucesos culturais que lle son contemporáneos, xa que a música, coma calquera outra disciplina intelectual, non se desenvolve illadamente senón que o fai de maneira conxunta e unitaria co resto do que convimos en chamar “o devir histórico e cultural da Humanidade”. Un exercicio que se levará a cabo con audicións comentadas daquelas obras musicais máis representativas.

A ÓPERA E AS ARTES ESCÉNICAS

Venres, 16, 23, 30 de novembro e 14 de decembro, ás 19:30 h

Fieis a nosa cita coa ópera e coas artes escénicas, un ano máis dedícaselles un ciclo a estas formas musicais ilustrándoo coa audición de grandes obras. Entre os obxectivos deste bloque temático podemos destacar a análise musical de cada ópera, as súas claves internas, a súa contextualización histórica, o compositor, a posta en escena e todos aqueles elementos relevantes cuxo coñecemento axuda a un maior gozo da obra.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra