Presentación do libro Ollando ó mar. Música civil e literatura na Galicia Atlántica (1875-1950)

Actualizado 04/10/2018 00:00

museo de pontevedra

O martes 9 de outubro ás 20 h terá lugar no salón de actos do Sexto Edificio a presentación do libro Ollando ó mar. Música civil e literatura na Galicia Atlántica (1875-1950) que recolle os traballos presentados por 28 investigadores no simposio celebrado en decembro de 2016 no Museo de Pontevedra.

Este encontro, organizado polo grupo Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela e financiado polo MINECO e os fondos FEDER, foi unha boa mostra dos últimos avances que se realizaron na investigación da música civil galega do último cuarto do século XIX e a primeira metade do XX. A música teatral, a de salón, a creación de orquestras e bandas, os movementos galeguistas dun lado ou outro do Atlántico e a música realizada por mulleres, son todos temas tratados nesta publicación.

O libro comeza cos traballos que explican o auxe da música civil como consecuencia do declive experimentado nas catedrais e igrexas consecuencia da desamortización e o Motu proprio. Todo isto levará á proliferación da música de salón, teatral, sinfónica e de banda. A música de salón é traballada así, co estudo das danzas para violín e piano de Manolo Quiroga, a teatral investigando tanto aos creadores galegos, como ás compañías foráneas que chegaban cada ano, a sinfónica a través da creación de orquestras en Vigo e na Coruña e a actividade bandística co estudo da agrupacións de Santiago e Betanzos.

Os movementos galeguistas e identitarios, analízanse, a través dunha figura non moi coñecida ata a data pero sen dúbida esencial, como foi a de Ramón Arana quen, desde o seu traballo de folclorista e divulgador musical, pretendía unha rexeneración da música galega a semellanza da realizada noutras zonas. Estes movementos teñen o seu reflexo na actividade desenvolvida en América, polo que tamén se presentan varios traballos sobre o labor levado a cabo a este respecto en Arxentina.

Finalmente, debemos destacar os traballos dedicados a mostrar a música realizada por mulleres, como representa o estudo da Sección Feminina da Coruña ou as importantes actividades das pianistas viguesas.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra