Exposición Francisco José de Caldas (1768-1816) “O Sabio Caldas”

Actualizado 10/10/2018 00:00

museo de pontevedra

Do 17 de outubro, ás 20 h en que se inaugura, ata o 18 de novembro pode verse no Sexto a exposición Francisco José de Caldas (1768-1816)O Sabio Caldas” que lembra a figura e a obra deste científico ilustrado, ligado a Caldas de Reis, de onde partiu o seu pai a mediados do século XVIII, el mesmo asinaba algunha das súas cartas como El Gallego, e así o coñecían os seus amigos da pequena cidade colonial de Popayán.

Nesta imaxe superponse sobre unha panorámica da cordilleira dos Andes debuxada por F. J. de Caldas, conservada no Centro Geográfico del Ejército, un fragmento dun billete colombiano de 20 pesos emitido en 1983, coa imaxe do científico ilustrado. Premer na imaxe para ampliar

Francisco José de Caldas foi un científico ilustrado que destacou polos seus traballos de astronomía, xeografía, botánica e física no Virreinato de Nueva Granada, nos actuais territorios de Colombia e Ecuador.

Foi membro da Real Expedición Botánica dirixida por Celestino Mutis, compartiu unhas semanas de traballo co naturalista Alexander Von Humboldt e acabou dirixindo o primeiro observatorio astronómico de América, o de Santafé de Bogotá. 

Caldas, observador da natureza e científico autodidacta

De formación xurídica, Caldas atopou a súa verdadeira vocación na observación e no estudo da natureza en todas as súas dimensións; foi para el un instrumento co que facilitar o desenvolvemento económico e social do territorio no que vivía.

Caldas, inventor e tecnólogo

Illado en Popayán, Caldas conseguiu construír os seus propios instrumentos astronómicos e chegou a inventar un método para medir a altura das montañas baseado na diferenza de temperatura á que ferve a auga en función da altura, o que se coñecería máis tarde como  hipsometría.

Caldas, astrónomo de posición

Caldas puxo todo o seu empeño en situar con suma precisión a lonxitude, a latitude e a altura sobre o nivel do mar de moitos dos municipios e montañas do Virreinato de Nueva Granada, percorrendo para iso miles de quilómetros con mulas que cargaban os seus instrumentos, os seus libros e as mostras de todo tipo que recollía.

Caldas, botánico

A precisión das súas observacións atraeu o interese do director da Expedición Botánica, Celestino Mutis, que lle pediu que estudase a flora do actual territorio de Ecuador e as valiosas quinas que permitían combater diversas enfermidades. Entre 1801 e 1805 percorreu todo o país e reuniu unha colección de case 6.000 espécimes vexetais, que esqueletou, debuxou e describiu sistematicamente.

Caldas na orixe da Bioxeografía

As súas propias observacións sobre a variación da vexetación en función da altura levárono a realizar os primeiros perfís bioxeográficos que se coñecen. Compartindo reflexións co naturalista Alexander von Humboldt, chegarían a conclusións coincidentes que sentarían as bases da actual ciencia da Bioxeografía.

Caldas, xeógrafo e cartógrafo

Cunha visión integrada da xeografía, a botánica, a climatoloxía, a economía e o desenvolvemento territorial, Caldas levantou os planos e perspectivas de moitas zonas de Colombia e Ecuador, realizando mapas que facilitarían o transporte e a apertura de novas vías de comunicación.

A independencia de Colombia e a morte de Caldas

Coincidindo coa invasión napoleónica de España, as elites crioulas conseguiron a posta en funcionamento dunha primeira república independente en 1810, ante a negativa do vicerrei de ofrecerlles os mesmos dereitos políticos que os dos cidadáns nados en España. Pola súa participación neste proceso Caldas foi fusilado en 1816, e converteuse nun símbolo de ciencia, progreso e liberdade en Colombia.

VER OBRADOIROS PARA NENAS E NENOS

VISITAS GUIADAS DE CARÁCTER DIVULGATIVO

Sábados ás 18 h

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra