Conferencia: Francisco José de Caldas, "el Gallego" das ciencias en Colombia e Ecuador

Actualizado 16/10/2018 00:00

museo de pontevedra

O xoves 18 de outubro, ás 20 h,  Gabriel Jaime Gómez Carde falará no Sexto de Francisco José de Caldas, “o Galego” como el mesmo asinaba pola orixe do seu pai en Caldas de Reis.

Foi un destacado científico ilustrado que desenvolveu os seus traballos de astronomía, botánica, xeografía ou física nos actuais territorios de Colombia e Ecuador. Cunha perspectiva multidisciplinar e integradora da natureza e o territorio, acabou integrándose na Real Expedición Botánica ao Novo Reino de Granada, dirixida por José Celestino Mutis. Tamén traballou varios meses co naturalista Alexander von Humboldt e dese traballo en común xurdirían as bases da ciencia da Biogeografía. Dirixiu o primeiro Observatorio de América, o de Santa Fe de Bogotá, e unha das primeiras revistas de divulgación científica dese continente: o Semanario del Nuevo Reyno de Granada. Caldas é un símbolo de ciencia, educación pública, progreso e liberdade en Colombia. A súa memoria e a valía das súas investigacións debe ser recoñecida tamén en Galicia.

“El fin más elevado del hombre es el conocimiento que lleva a la libertad”. Francisco José de Caldas.

Gabriel Jaime Gómez Carde é divulgador científico e conferenciante internacional en temas de Astronomía e Ciencias Naturais e investigador da vida e obra de Francisco José de Caldas.

Foi o primeiro director do Planetario de Medellín (1984-1996), director e condutor de expedicións científicas e culturais en en Colombia, Ecuador, Argentina, Chile, Brasil, Estados Unidos e España, membro fundador da Sociedad Julio Garavito para el estudio de la Astronomía e autor do libro El día que Humboldt llegó a Cartagena de Indias. Estrelleros y herbolarios en el virreinato de la Nueva Granada. Siglos XVIII y XIX.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra